Panorama actuará esta semana nas festas de Parada

FOTO: ORQUESTRA PANORAMA

Tras o seu exitoso paso por Baredo a Orquestra Panorama volve á comarca da man da Comisión de Festas Santiago e Santa Ana de Parada. Actuará na parroquia nigranesa o mércores 26 de xullo dentro da súa xira “Dreams Tour”. Podería traducirse como unha “viaxe de ilusión”, e leva unha importante aposta pola innovación técnica e, sobre todo, por ofrecer un espectáculo novo, coa mellor música, coreografías impactantes e, como sempre, un apartado especial dedicado ao baile. Para iso, contará con ao redor de 30 persoas traballando a diario para facer posible cada unha das súas actuacións, entre os artistas que se soben ao escenario e os técnicos de montaxe.

A idea é transmitir aos espectadores a importancia dos soños e de que estes, con traballo, esforzo e moita ilusión, pódense converter en realidade. Así, en cada inicio da posta en escena, os asistentes achegaranse aos pensamentos que deron orixe ao soño en que se converteu esta xira, e comprender deste xeito o desenvolvemento do espectáculo.

Para esta Xira Dreams Tour 2017 a Orquestra Panorama conta con todo o material técnico novo, como é o escenario na súa totalidade, pantallas e medios de iluminación de última xeración, tarimas móbiles e moitas sorpresas máis que o espectador irá descubrindo cada noite.

Será unha das xiras máis viaxeiras para a Orquestra Panorama, xa que ademais de percorrer toda Galicia, fará o mesmo con boa parte de España. A estas alturas xa conta con contratacións en León, Valencia, Madrid, Segovia, Asturias, Salamanca, Cantabria, Burgos ou Palencia, o que permitirá que miles de cidadáns poidan achegarse a un espectáculo musical único producido en Galicia en moi diversos puntos de España.

Programa das festas de Santigo e Santa Ana de Parada

A VIII Festa da Xuventude iniciará o programa previsto o luns 24 de xullo a partir das 00:00 horas en Porto do Molle. Haberá a macro discoteca móbil “Space Music” con DJ Kokito e o showman “Edi FM”, gogos e animación, zona de atraccións, reportaxe audiovisual e bar con prezos populares.

O martes 25 ás 10:00 da mañá entrada e pasarrúas polo recinto de festas (Igrexa) a cargo da Banda de Música de Candeán. Ás 12:00 celebrarase a Misa Solemne na honra de Santiago, cantada pola coral Ecos do Castelo, seguida de procesión acompañada pola mesma Banda de Música. Ás 19:00 horas o Mago Javier Muros actuará no recinto de festas e ás 20:00 horas A Banda de Música de Candeán ofrecerá un concerto. Pola noite, en Porto do Molle, a verbena estará amenizada pola orquestra Cinema e o grupo Atenas.

O mércores 26 ás 10:00 da mañá entrada e pasarrúas polo recinto de festas (Igrexa) a cargo da Banda de Música Xuvenil de Xinzo. Ás 12:00 do mediodía comezará a Misa Solemne na honra de Santa Ana cantada polo Coro Mixto Stella Maris, seguida de procesión acompañada pola mesma Banda de Música. Ás 18:00 horas realizarase a tradicional fogaza e á noite en Porto do Molle, a verbena estará amenizada pola orquestra Panorama e o grupo D’Líder.

O xoves 27 ás 17:00 horas terán lugar as tradicionais cucañas no recinto de festas (Igrexa).

Anuncios