Dous, Moon Cresta e San Rockers pechan o festival Solpor Monteferro

O Concello de Nigrán ofrece este sábado dende as 20:00 horas a segunda e última xornada do seu novo festival “Solpor”, un evento musical que une a sublime localización e vistas do miradoiro de Monteferro á tardiña coa música dalgúns dos mellores grupos locais.

Neste enclave único terá lugar o concerto de Dous, Moon Cresta e San Rockers, todos eles con fondas raíces en Nigrán. O obxectivo é gozar da música ao aire libre e nunha contorna privilexiada, no cumio de Monteferro, un palco proxectado cara ao Atlántico sobre o máis grandioso dos escenarios.

Neste enclave único, fronte ás Illas Estelas, entre as caricias da brisa mariña e os aromas de sal e monte, os “solpores” permitirán vivir experiencias musicais aumentadas: un xeito distinto de desfrutar dun concerto, cos cinco sentidos postos na contorna e sumando ao ritmo das ondas o das mellores actuacións en vivo.

2US (DOUS) son Pablo Carrera á guitarra e Fernando Abreu ao clarinete, un dúo xurdido en Nigrán no ano 2008 e que está a piques de lanzar o seu segundo disco, “A viaxe de Yoyo”. O dúo propón unha viaxe sonora a través dos sentidos empregando a improvisación e a experimentación e bebendo da música popular de América, Europa e África para crear pezas de autor.

MOON CRESTA é o resultado de sumar esforzo, xeito, creatividade e a afouteza de catro músicos baixo o emblema do Power & Funk. Os seus alicerces son Manu “Doble L” á guitarra, Sergio “Sir” Puga como baterista, David “Mr. D.” Vázquez á voz e teclados, e Antón F. “Piru” no baixo. Formado a finais de 1998 en Nigrán, o recoñecido grupo sacou á luz en 2016 o seu terceiro disco, “Moonary”.

SAN ROCKERS é un grupo de pop-rock consolidado en Vigo no ano 2014, ano no que gravan a súa primeira maqueta, “San Rockers”. No ano 2015 gañan a 1ª edición do concurso Certame de músicas emerxentes, organizado pola Fundación Mayeusis e o estudo Planta Sónica 2. San Rockers combina concertos en salas con actuacións rueiras como forma de achegarse á xente e ensinar en público o seu traballo e a súa música.

DÍPTICO SOLPOR MONTEFERRO

Anuncios