O Frades Sunset Festival congregou a centos de persoas na súa cuarta edición

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // Unha performance de Pablo Méndez e Traffic House no Frades Sunset Festival.

A praia dos Frades converteuse durante dous días nunha grande pista de baile. Centos de persoas non quixeron perderse a cuarta edición do Frades Sunset Festival, a cita coa música electrónica que xa é unha referencia en Galicia, e asistiron a dúas xornadas que ofreceron 17 horas de espectáculo con todas as mesturas posibles nos sintetizadores e na que volveu a ser un éxito a zona chill-out e os “food-truck’s”.

O baionés DJ Yaggo regresou á súa terra tras as súas citas no panorama internacional e foi o encargado de abrir e pechar o festival gratuíto que organiza o Concello de Baiona e que nesta ocasión ampliouse a dous días (18 e 19 de xullo).

O martes actuou tamén Ludwig Van Brothers, composto por Vince Stone e Rober Vilar, tamén de Baiona e con gran proxección lonxe das nosas fronteiras, que deron paso ao prato forte do día, Fonsi Nieto.

O ex piloto de motociclismo ofreceu todo o seu repertorio e fixo bailar a un público entregado. Con versións de cancións moi coñecidas de grupos como Guns N’Roses ou Rolling Stone, o paso de Fonsi Nieto polo escenario converteuse nunha sesión de música electrónica para todas as idades. Grove Amigos foron os encargados de pechar a noite.

Xa o mércores, os encargados en saltar ao escenario en primeiro lugar foron Gabry Domínguez e DJ Ángel Vakeiro. Posteriormente chegou Traffic House, mentres que o prato forte foi con Olga Ryazanova e Abel Ramos. O pano da cuarta edición do Frades Sunset correu a cargo de DJ Yaggo, xunto con Riveiro.

Ademais, Pablo Méndez animou a festa coas súas performance nas dúas xornadas do evento.

Despois de tres anos repetindo éxito tras éxito, as Concellerías de Cultura e Turismo, coa colaboración da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (Aceba), deseñaron un atractivo cartel para converter a praia dos Frades no epicentro da música electrónica.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.