Anuncios
Ticker de novas

Oia celebra este fin de semana a Festa da Bicicleta e a V Marcha Cicloturista

FOTO: CICLISMO OIENSE

Este sábado día 22 de xullo celebrarase a Festa da Bicicleta en Oia, organizada polo Concello de Oia coa colaboración de Ciclismo Oiense, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia. A partir das 17:30 horas terá lugar a saída desde o Mosteiro. Os ciclistas participantes percorrerán 10 km semi cháns, alcanzables a todas as idades. A ruta será pola capela de San Sebastián e por parte do carril bici dirección A Guarda e regreso a Oia. Para participar é necesario o uso de casco protector así como seguir as instrucións dos organizadores para o bo desenvolvemento do paseo ciclista. Antes da saída entregarase a cada participante unha mochila e un dorsal para poñer na tixa do sillín. Ao finalizar o paseo ciclista, co número do dorsal particípase no sorteo de 2 bicicletas, camisetas e diversos agasallos. Tamén haberá un avituallamento líquido xentileza de Ciclismo Oiense.

A continuación actuará o Mago Paco, dentro da programación de “Cultura no Camiño” da Xunta de Galicia.

Xa o domingo, ás 9:00 da mañá, terá lugar a saída da V Marcha Cicloturista de Oia para percorrer 100 km polas estradas do Val Miñor e Baixo Miño, con subidas en tramo libre ao Tecla e a Mavia, pasando pola Valga para chegar ao avituallamento de Torroña. A subida a Mavia inédita nunha marcha cicloturista, é dura nos seus primeiros quilómetros para ir suavizando nos finais. En Loureza haberá tamén un tramo máis suave por Burgueira, para os que non queiran tanta esixencia física.

Paralelamente ao percorrido da marcha ciclista, ás 9:30 sairá a Andaina de 10 km, de dificultade media, polos barrios da costa de Oia e Pedornes para os acompañantes dos ciclistas e demais interesados. Non é necesario inscribirse e é gratis.

A partir das 14:30 horas celebrarase a comida fin de marcha coa entrega de recordos.

Máis información en http://www.ciclismooiense.com e inscricións para a marcha en http://www.magmasports.es.

Anuncios