Anuncios
Ticker de novas

O Día do Turista enche de festa Baiona

Baiona celebrará o próximo 30 de agosto a súa tradicional homenaxe aos turistas cunha xornada cargada de actividades para o goce de veciños e visitantes. Desde primeira hora da mañá e durante todo o día a Vila converterase de novo nunha gran festa na que haberá unha decena de actividades gratuítas, entre elas música, animación nas rúas, visitas guiadas e obradoiros, programados pola Concellería de Turismo.

“Este día está dedicado aos turistas que nos elixen como destino vacacional, pero tamén a todos os veciños de Baiona, que coa súa calorosa acollida fan posible que a Vila sexa un dos lugares preferidos para o turismo de calidade”, destaca a concelleira de Turismo, Beatriz González.

Unha ruta guiada polo tramo do Camiño Portugués da Costa e unha xira marítima pola baía abrirán o Día do Turista ás 10:00 e ás 11:00 respectivamente. Para participar en ambas as dúas actividades será necesario inscribirse previamente na Oficina de Turismo, situada no Parque da Palma, ou no teléfono 986 68 70 67, a partir do 27 de agosto ata cubrir prazas no caso do paseo en barco.

Rivel Animación ofrecerá ás 11:30 un pasarrúas infantil con saída desde a Praza do Concello ata o Paseo Ribeira, onde entre as 12:00 e as 14:00 e as 17:00 e as 21:00 horas haberá inchables para os máis pequenos, así como tobogán de auga. Desde as 17:00 ata as 20:00 horas, os nenos e nenas poderán participar tamén en obradoiros de antefaces de goma eva e globoflexia.

Ás 18:30 será o momento para a visita guiada teatralizada a cargo de “Teatro do Grilo”, dirixida por Mónica Sueiro e con saída desde a Oficina de Turismo. Xa de noite, na Praza do Concello, ás 22:00 horas chegará o humor da man do humorista baionés Rafa Durán e o posterior concerto de “Sabina en las venas. 500 noches”.

O final do Día do Turista será ás doce da noite coa preparación do esconxuro da Gran Queimada a cargo de Rafa Durán e a posterior degustación gratuíta na Praza do Concello.

Ademais, ao longo de todo o día a Casa-Museo da Navegación terá as súas portas abertas con entrada libre e todos os peregrinos que visiten a Oficina de Turismo recibirán un obsequio ao presentar a súa credencial.

Anuncios