Anuncios
Ticker de novas

BNG: A Mancomunidade subirá as tarifas para financiarse a través da piscina da Ramallosa

A anunciada mellora nas condicións da concesión non é tal e o Goberno da Mancomunidade crea un canon que se orixinará coa suba dun 5% das tarifas.

O Goberno da Mancomunidade de Municipios do Val Miñor remitiu aos grupos que conforman o seu Pleno Mancomunado tanto os pregos de prescricións técnicas como os das prescricións administrativas. O estudo económico adxunto evidencia que a anunciada mellora das condicións, xa que no anterior período da concesión o canon era simbólico, non é tal. Éste vai orixinarse directamente polo incremento dun 5% das tarifas vixentes.

“O establecemento dun canon mínimo do 1% da facturación anual non é o método máis acaído, xa que pode dar lugar a un uso non desexado do servizo da piscina mancomunada, xa que a menor número de usuarios e usuarias o canon anual sería menor”, sinala Xosé Manoel Marcote, concelleiro do BNG-AA no Pleno da Mancomunidade do Val Miñor.

Isto agrávase coa situación de competencia directa que a actual concesionaria está a exercer co seu centro Be One no barrio do Xuncal, en Sabarís. Tense demostrado por diversas declaracións de usuarias e usuarios que determinados servizos ofertados na piscina mancomunidade téñense desenvolvido nas instalacións privadas de Be One, mesmo este nome comercial pode atoparse en diversos enseres e documentos presentes nas instalacións públicas.

“O establecemento dun canon mínimo de 10.000 €, que é o suxerido no estudo económico anexo ao prego de prescricións técnicas, en base ás previsións ao longo dos cinco anos de concesión, adecúase mellor ás necesidades da Mancomunidade, sobre todo no relativo ao interese da empresa adxudicataria para acadar o obxectivo mínimo de servizos para que a concesión sexa viable”, engade Marcote.

Así mesmo, evidénciase a necesidade de investir en determinadas melloras das instalacións, en gran medida pola falta de fiscalización por parte da Mancomunidade en canto ás obrigas da empresa concesionaria en realizar as axeitadas actuacións de mantemento e reposición das instalacións. “Isto evidénciase cunha simple visita ás instalacións, onde poden atoparse ocos onde antes situábanse aparatos que tras cumprir a súa vida útil non se repuxeron, así como que no propio prego de prescricións técnicas, na descrición de instalacións, equipamento e maquinaria figura un coxenerador en situación de fóra de servizo”.

Segundo afirma o BNG-AA teñen sido moitas as queixas de usuarios e usuarias pola baixa temperatura do auga na piscina, así como a pobre ventilación das instalacións, nomeadamente nos vestiarios, onde deben colocarse papeleiras nas portas de acceso para xerar unha mellor ventilación. Mais nas condicións administrativas só se fai mención a que a concesionaria debe presentar un plan de mellora da climatización anualmente, sen concretar unha cantidade mínima na inversión de melloras.

“Se o canon foi ate o de agora simbólico debeuse a que a empresa concesionaria viuse na obriga de realizar unha serie de inversións iniciais cuantiosas, que ficaron a beneficio do servizo mancomunidade”, asegura Xosé Manoel Marcote. O BNG solicitou tanto por escrito como presencialmente que se lle entregaran os pregos do primeiro concurso, non obtendo contestación por escrito e verbalmente que se extraviaran e que non contaba a Mancomunidade cunha copia dos mesmos.

O Bloque Nacionalista Galego viu de presentar unha serie de alegacións nas que solicita a celebración dunha comisión informativa previa á celebración do Pleno Extraordinario da Mancomunidade no que se aprobarán os pregos de prescricións técnicas e administrativas para a concesión da piscina mancomunada.

“Evidénciase imprescindible a celebración desta comisión informativa por varios motivos. O principal deles son as incongruencias presentadas nos pregos, onde fálase de partidas alzadas para melloras na climatización, pero que non se relacionan detalladamente en ningures e que nas condicións para a concesión nin sequera figuran dentro da valoración para a adxudicación”.

Para o BNG-AA a alternativa aos pregos presentados é que se produza unha maior inversión inicial, detallando unha mellora na produción enerxética, premiando a bioclimatización, ademais de que se constrúa un vaso pequeno na piscina e vestiarios para os traballadores.

 

“Mais se algo evidencia o estudo económico presentado é que a piscina mancomunada é un negocio rendible e apetecible, polo que a posibilidade de aproveitar a ocasión para rescatar a concesión e autoxestionalo non sería moito máis rendible para a Mancomunidade, senón que permitiría manter as tarifas actuais, sen ter que recorrer á suba dun 5% das mesmas. Existe unha alternativa á xestión delegada de servizos e o Bloque Nacionalista Galego aposta por elo”, conclúe o concelleiro nacionalista.

Anuncios