Anuncios
Ticker de novas

O Pazo provincial acolle unha exposición sobre a integración das persoas con parálise cerebral

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, o xerente da Federación Aspace, Nacho Pérez e a xerente de Amencer- Aspace, Mónica Touriño, inaugurou esta mañá no hall do Pazo Provincial de Pontevedra unha exposición, composta por 21 fotografías en branco e negro, que persegue difundir e visibilizar a realidade das persoas con parálise cerebral, resaltando o feito de que, máis aló da súa diversidade funcional, a súa vida é idéntica á de calquera outra persoa. De igual xeito, a exposición busca potenciar a imaxe das persoas con parálise cerebral como cidadáns de pleno dereito e resaltar as capacidades do colectivo.

Carmela Silva subliñou a necesidade de “dar visibilidade e protagonismo” ás persoas con parálise cerebral e defendeu que “unhasociedade moderna, democrática e avanzada debe contar con todas as persoas a forman”xa que todas elas “teñen os dereitos e capacidades necesarias para ser moi activas”. Así mesmo, agradeceu á Federación ASPACE ter pensado na Deputación de Pontevedra para acoller esta mostra fotográfica e eloxiou a labor realizada pola rede de entidades,“un traballo fundamental para garantir os dereitos das persoas con diversidade funcional”.

A mostra, que se poderá visitar no hall do Pazo Provincial ata o próximo 20 de xullo consta de Consta de 21 fotografías finalistas ou gañadoras do VI Concurso de Fotografía ASPACE e de imaxes cedidas polo taller de fotografía “Di Patata” da Asociación Valenciana de Axuda á Parálise Cerebral. Esta exposición, que por 6º ano consecutivo pon en marcha a Confederación ASPACE, é itinerante e percorre entidades ao longo de todo oEstado.

As fotografías foron tomadas por persoas con parálise cerebral, familiares, voluntariase profesionais que traballan neste ámbito e reproducen imaxes da vida cotiá deste colectivo. As instantáneas van acompañadas por uns pequenos textos reivindicativos nos que se recollen diferentes demandas do colectivo relacionadas co seu empoderamento como por exemplo “que se lles teña máis en conta á hora de decidir as actividades de ocio que realizan”, “que se creen servizos de asesoramento e seguimento sexolóxico e espazos de encontro de cara a normalizar estes temas no ámbito familiar” ou “que se escoite a súa opinión e cando algo non se poida facer que se lles argumente con motivos”.

A Federación ASPACE- Galicia nace en Sanxenxo, Pontevedra, en 1999, tendo como finalidade conseguir a coordinación e cooperación entre as asociacións de parálise cerebral e outras entidades de modo que a unión e a forza das mesmas logre a igualdade de oportunidades das persoas con este afección. ASPACE – Galicia ten por obxectivo así mesmo servir como vehículo dinamizador dos diferentes colectivos, promover o asociacionismo e colaborar coas Administracións Públicas e organismos privados para dar a coñecer esta patoloxía que afecta a dúas de cada mil persoas en Galicia.

Anuncios