Anuncios
Ticker de novas

Fermín Pousa e Rosa Granja, homenaxeados por toda unha vida dedicada ao mar

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Fermín Pousa e Rosa Granxa.

Con motivo da celebración das festas da Virxe do Carme, organizadas pola Confraría de Pescadores “La Anunciada”, o vindeiro domingo realizarase o tradicional recoñecemento ao mariñeiro de máis idade e á mariscadora máis veterana do municipio, que nesta ocasión, serán Fermín Miguel Pousa Marcote, coñecido como “O Migueliño”, e Rosa Granja Pérez.

A homenaxe será ao finalizar a Misa Solemne na honra da Virxe do Carme que se celebrará ás 20:00 horas na Ex Colexiata de Santa María de Baiona. Antes de recollerse a procesión, os membros da Danza das Espadas dedicaranlle a ambos o tradicional baile na Praza de Santa Liberata.

Este ano, ao coincidir o día do Carme en domingo, non se celebrará a tradicional Misa de Campaña no porto pesqueiro e a procesión marítima. Con todo, o luns ás 19:00 horas realizarase unha ofrenda floral organizada por un grupo de mariñeiros xubilados. Todos aqueles que dispoñan dun barco poderán acompañalos.

Fermín Miguel Pousa Marcote

Fermín naceu en Baiona o 9 de novembro de 1928 no seo dunha familia mariñeira, fillo de Miguel e Porfiria, o maior de tres irmáns, Jesús (falecido) e Celia.

Aos 12 anos comezou ao mar co seu avó, nunha gamela a remos, á pesca da faneca, o ollomol e de noite con farol ao pachán. Con 17 anos embárcase no buque “Miguel de Cervantes” á pesca da sardiña e ao xurelo ata que en 1948 vaise ao Servizo Militar pola mariña, en Canarias, no buque Miñador. Ao volver, embárcase no “Zulema”, durante 3 anos ao palangre.

En 1953 casou con Mª Elisa González Mijón, de Baiona, coa que ten dúas fillas, Ana María e Celia, que lles dan cinco netos, José, Miguel, Ana Mª, Graciela e Patricia, e unha bisneta.

Embárcase co seu pai no “Jesús Vilar”, “Muchita” e na gamela familiar “Celia” ata que en 1961 compran o “Migueliño? e dedícanse á pesca de baixura en Baiona. En 1972 deciden facer un barco maior, o “Nuevo Migueliño”, para faenar máis lonxe, xunto con 5 mariñeiros máis, desprazándose a Sálvora, Corrubedo, Illas de Ons, á pesca do congro con palangre e con nasas ao polbo.

O mar deulle moitas satisfaccións pero tamén algún susto. Un día faenando co seu pai, ao palangre, en “O Pego”, o barco foise contra as pedras na zona “Pedra de Bahiña”, encallando, sen consecuencias, Outro, con néboa, un mercante lles embestiu rompendo a cuberta.

Viúvo desde o 2015 e xubilado desde os 70 anos, vive no barrio do Burgo, coas súas fillas e netos. Gústalle pasear por Baiona, ver o mar e charlar cos mariñeiros.

Rosa Granja Pérez

Rosa naceu en Baiona, na parroquia de Baredo, o 1 de agosto de 1927, tamén no seo dunha familia mariñeira, filla de Fernando e Isabel.

Comezou ao mar coa súa nai aos 15 anos, ao percebe e ao argazo. Saían á tardiña, andando pola costa desde Baredo a San Xián e durmían nunha choza de palla nos campos, para baixar ao mar á primeira hora da marea, ata que consegue unha bicicleta para facer o camiño moito mellor.

Tras cocer o percebe en casa, levábao nunha tina a vender por Gondomar, e para facer 13 pesetas en 2 quilos, tíñao que vender en “puñados”.

En 1947 casa con Justo Barreiro Garbín, veciño de Baredo, de profesión mariñeiro, dedicado á pesca da sardiña, e logo en buques petroleiros. Teñen unha filla, Cecilia, que lles dá dous netos, Jose e Camilo, e unha bisneta, Yaiza, de 8 anos.

Co fin de mellorar márchanse a Alemaña, o seu marido primeiro e ela despois, para traballar nunha empresa de metalurxia ata que pecha e deciden volver. Desde entón, dedicouse ao campo e ao percebe, pero xa con carné, ata que se xubila en 1992.

Viúva desde hai 25 anos, agora vive no seu barrio de sempre, en Baredo. Gústalle moito ler, facer pasatempos, crucigramas, sopas, xogar ás cartas… e ata hai pouco asistía ás clases de maiores no Centro Cultural. No verán gústalle gozar das verbenas e dos actos culturais que organiza o Concello todos os días.

Anuncios