O Cunqueiro inicia a terapia antiviral con plasma de pacientes curados de coronavirus

O Equipo Covid do Hospital Álvaro Cunqueiro realizou hoxe a primeira infusión de plasma con alto contido en anticorpos fronte ao novo coronavirus, doado por pacientes curados a un enfermo hospitalizado por Covid-19. Esta é a primeira vez que en Galicia se utiliza este tratamento, de uso compasivo, nun paciente infectado por SARS-CoV-2.

Trátase dun home de 72 anos de Vigo con pneumonía bilateral, con varias enfermidades crónicas, no que os tratamentos convencionais resultaron pouco eficaces.

Os pacientes que xa estiveron contaxiados polo novo coronavirus e que se atopan na fase de convalecencia, presentan inmunidade contra este virus. Dispor do seu plasma permite a súa administración a pacientes coa enfermidade en activo, e pode ser moi útil para axudarlles na súa recuperación.

Segundo afirma o xefe do servizo de Medicina Interna, Manuel Crespo, que conxuntamente co xefe de Neumoloxía, Alberto Fernández Villar, coordina ao equipo Covid “a terapia con plasma emprégase de forma habitual para o tratamento de diversas enfermidades hematolóxicas, e tense utilizado para os tratamento doutras enfermidades infecciosas, como por exemplo o Ebola. No caso do novo coronavirus, consiste na infusión intravenosa dunha dose única de 280-300 mililitros de plasma obtido dun paciente curado, rico en anticorpos con capacidade para neutralizar o virus. Grazas aos doadores, a día de hoxe dispoñemos de plasma para o tratamento duns 30 pacientes, que serán seleccionados cuns criterios clínicos moi concretos, como que teñan unha neumonía grave, ou factores de risco de mala evolución clínica, pacientes maiores, inmuodeprimidos, con enfermidades crónicas, ou con falta de resposta ao tratamento convencional durante as primeiras 24-48 horas de ingreso”.

Estudo clínico

Un informe recente da OMS indica que os primeiros resultados con uso de plasma de convalecente suxiren que puidera ser unha modalidade de tratamento potencialmente útil para o COVID-19.

Por isto iniciouse en Galicia este estudo, coordinado coa Axencia Galega de Doazón de Órganos e Transplantes da Consellería de Sanidade (ADOS) e deseñado para obter as mellores evidencias científicas ao redor das potenciais utilizacións do plasma procedente de doentes recuperados.

Selección de candidatos

Os servizo de Hematoloxía en colaboración con Microbioloxía realizou a selección dos pacientes que habendo superado esta enfermidade teñen altas taxas de anticorpos xerados fronte ao virus.

Unha vez seleccionados, o pasado 22 de abril iniciouse, no local de doazón de ADOS en Vigo, a extracción do plasma mediante o proceso de aférese, un sistema que permite a extracción selectiva dos compoñentes sanguíneos.

Os criterios de selección de potenciais doantes establecen que os participantes tiveran diagnóstico de COVID-19 documentado por proba de laboratorio, con bo estado de saúde e asintomáticos, e que teñan agardado catorce días desde ter evidencia de PCR negativa e recuperación total.Todas as persoas participantes deben realizar un consentimento informado para tomar parte neste estudio clínico.

Procesamento das mostras

Posteriormente, a Axencia responsabilízase do tratamento e inactivación das unidades de plasmaférese obtidas con azul de metileno. As unidades procesadas en ADOS , criopreservadas e almacenadas a -30ºC, teñen unha vida útil de ata dous anos. Estas unidades valídanse e etiquétanse, atendendo aos estritos estándares de calidade marcados polo Comité de Seguridade Transfusional do Ministerio de Sanidad, e o seu uso será exclusivo para investigación en doentes con confirmación COVID-19.

Aínda que é un tratamento experimental, e non hai evidencia científica, os especialistas están esperanzados na eficacia desta nova terapia, que abre novas posibilidades e liñas de investigación e permitiría dispor dunha nova arma na loita contra esta pandemia.

Anuncios