Baiona pon en marcha “Xoves no Camiño”, visitas guiadas e gratuítas pola ruta xacobea

FOTO: CONCELLO DE BAIONA

O Concello de Baiona, a través da Oficina de Turismo, abre esta semana as rutas guiadas e gratuítas que van a levarse a cabo durante o verán. Ademais das visitas habituais polo Casco Histórico, nesta ocasión a novidade chega da man dos “Xoves no Camiño”, programa para dar a coñecer o paso do Camiño Portugués pola Costa polo municipio.

A Concellería de Turismo organiza este ano un programa completo de rutas por Baiona co obxectivo de poñer en valor o patrimonio cultural e artístico. Por unha banda, celébranse as visitas habituais polo centro histórico a partir do 15 de xullo e ata o 30 de agosto. Serán os mércores e sábados, ás 11:00 horas, dende a Oficina de Turismo. Son gratuítas e non é necesaria a inscrición previa.

Doutra banda e como novidade, todos os xoves ás 10:00 horas (a partir do 20 de xullo e ata o 31 de agosto) o Concello organiza a ruta “Xoves no Camiño”, con saída dende a Oficina de Turismo. O percorrido será en dirección á Praza de Santa Liberata e continuará o trazado do Camiño Portugués pola Costa nas rúas Manuel Valverde, rúa Conde e O Burgo ata a praza Vitoria Cadaval de Sabarís.

O percorrido é lineal e a guía que acompañará ao grupo realizará o regreso a Baiona camiñando polo Paseo Marítimo. Os participantes terán a posibilidade de acompañala ou regresar por libre. A duración aproximada da ruta é de 1 hora e 30 minutos cunha distancia aproximada de 3,5 quilómetros.

A dificultade é baixa e as prazas limitadas, polo que para esta visita si será necesaria a inscrición previa na Oficina de Turismo (986 68 70 67). Recoméndase levar roupa e calzado cómodo, así como auga e protección solar.

Esta iniciativa xorde para fomentar, incentivar e dar a coñecer o Camiño Portugués pola Costa, novena ruta de peregrinación declarada oficial o pasado mes de agosto, ao seu paso por Baiona.