Anuncios
Ticker de novas

O calendario laboral de Galicia para 2018 inclúe como festivos propios o 17 de maio e o 25 de xullo

A proposta de calendario laboral galego para 2018 incluirá como festivos propios os días 17 de maio, Día das Letras Galegas, xoves; e o 25 de xullo, Día Nacional de Galicia, mércores, segundo o informe que coñeceu hoxe o Consello da Xunta e que, posteriormente, terá que ser aprobado por decreto. A normativa estatal, fixada polo Real decreto 2001/1983, establece as 14 festas anuais de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio.

Destes 14 festivos, 2 son elixidos por cada concello. Dos outros 12 restantes, 9 son de carácter obrigatorio e non substituíbles a non ser que coincidan co domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo (30 de marzo en 2018), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro.

No ano 2018 non hai ningún festivo nacional que coincida en domingo. Para estes casos, a normativa vixente estipula que as comunidades poderán fixar un único festivo autonómico que será recuperable, de acordo coa posibilidade establecida polo artigo 37.2 do Estatuto dos traballadores. É dicir, engádese unha festa máis con carácter recuperable, o que significa que cada empresa acordará a forma de recuperar este día.

O Goberno galego propón que sexa o 17 de maio, Día das Letras Galegas, pola súa gran tradición e importancia para a cultura galega. Esta festa foi instituída no ano 1963 pola Real Academia Galega para conmemorar o libro de Rosalía de Castro Cantares Gallegos. Trátase de poder seguir conmemorando unha festa que forma parte da tradición, historia e cultura de Galicia. Esta data sempre foi festiva na comunidade galega desde 1991. A elección deste día como festivo recuperable é unha opción que xa se utilizou nos anos 2000, 2001 e 2007.

Ademais, outros tres festivos de carácter nacional poden ser substituídos polas comunidades autónomas: o 6 de xaneiro e o Xoves Santo (o 29 de marzo en 2018), que Galicia non cambia tradicionalmente, e dáselles a opción ás comunidades entre o 19 de marzo e o 25 de xullo, que na nosa Comunidade sempre se fixa o 25 de xullo, xa que é o Día Nacional de Galicia.

Informado o Consello da Xunta, a proposta de calendario laboral para 2018 terá que ser aprobada polo Consello Galego de Relacións Laborais. Posteriormente, cada concello terá que determinar dous días festivos máis para a súa localidade.

Calendario laboral de Galicia para 2018

CALENDARIO LABORAL GALICIA 2018

Anuncios