A Xunta remata a primeira fase das obras nas travesías da estrada PO-552 en Baiona

FOTO: XUNTA DE GALICIA

A Xunta de Galicia da por rematados os traballos de asfaltado proxectados nas travesías da estrada PO-552 (Vigo-Tui) ao seu paso polo concello de Baiona. Así o puido certificar hoxe o delegado do Goberno na área territorial de Vigo, Ignacio López-Chaves, quen, acompañado polo alcalde do municipio, Ángel Rodal, comprobou a finalización das obras na súa primeira fase.

As obras, adxudicadas o pasado mes de marzo e que suporán unha mellora da seguridade viaria desta zona, contemplan un investimento de máis de 400.000 euros neste proxecto que inclúe, ademais da recuperación do firme, a execución dunha nova glorieta e o ensanche da plataforma, reservando unha zona a parada de taxis e bus.

Co fin de non interferir na tempada estival, época de maior recepción de turistas na vila pontevedresa, acordouse deixar para outubro, por petición expresa do Concello de Baiona, unha segunda fase de intervención que contempla a execución dunha nova glorieta. Esta actuación mellorará notablemente as manobras de acceso e saída ás instalacións da lonxa e do Porto Deportivo de Baiona, desde a estrada autonómica, ademais de acadar unha reordenación do tráfico na travesía ao permitir realizar a manobra de cambio de sentido con total seguridade.

“Conseguimos un obxectivo fundamental, o de mellorar a mobilidade, de vehículos e peóns, ao tempo que melloramos a imaxe dunha vila que é unha referencia turística nacional”, apuntou o delegado da Xunta en Vigo, ao tempo que acentuou a insistencia do alcalde no proxecto, reivindicando melloras para una zona cun importante problema de tráfico. Ao fío, López-Chaves no deixou pasar a oportunidade de agradecer ao alcalde a súa colaboración e reivindicou o cumprimento dos prazos e compromisos adquiridos pola Administración autonómica.

Nun encontro con varios colectivos, do gremio de taxistas, comerciantes e empresarios, e membros da confraría de pescadores de Baiona, en presenza do xefe territorial da Consellería de Infraestruturas, José Luis Díez, o director da obra, Fausto Núñez, explicou os pormenores dunha actuación que o Goberno galego enmarca no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións co fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.

Finalizada a recuperación do firme desta estrada, concretamente entre os puntos quilométricos 13+000-14+000 e 15+000-17+000; queda agora pendente a execución da nova glorieta no p.q. 16+300; o ensanche da plataforma entre os p.q. 16+160-16+240 que permita levar a cabo unha zona destinada a parada de taxis e bus. Tamén se manterá a continuidade do itinerario peonil/ciclista existente; a disposición de zonas de estancia e espallamento para os viandantes; habilitaranse zonas de aparcamento e repintaranse todas as marcas viarias dos treitos de actuación.

Así mesmo, se colocarán os elementos de sinalización vertical e balizamento; poranse distintas instalacións na glorieta do punto quilométrico 16+300; modificarase o alumeado público mediante o retranqueo e a colocación de novos puntos de luz; e substituiranse os distintos dispositivos hidráulicos coa finalidade de adaptalos á nova xeometría proxectada; recolocaranse e agruparanse os contedores de lixo e a humanización da rúa mediante a disposición de mobiliario urbano e zonas axardinadas.

A XUNTA REMATA A PRIMEIRA FASE DAS OBRAS NAS TRAVESÍAS DA ESTRADA PO-552 EN BAIONA
FOTO: XUNTA DE GALICIA