A aula móbil sobre reciclaxe da campaña Oportunidades Galicia chega a Nigrán

Coincidindo co inicio das vacacións de verán para moitos cidadáns, a campaña autonómica “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor” chega este xoves a Praia América co obxectivo de seguir informando e formando a veciños e turistas nas boas prácticas vinculadas á xestión sostible dos residuos urbanos.

Haberá un inchable para nenos e a través dun aula móbil, de 15:00 a 19:00 horas, educadores especializados na materia explicarán aos usuarios da praia as claves para reducir a produción de refugallos en orixe, para posibilitar un consumo responsable, para maximizar o aproveitamento dos produtos a través da reutilización e para separalos convenientemente, unha vez convertidos en residuos, de cara a garantir o seu posterior reciclado.

Neste sentido, e debido á confusión existente en torno aos recipientes de destino de determinados materiais, clarificaranse os que deben e non deben ser depositados en cada un deles: amarelo, para latas, briks e envases de plástico (nunca plásticos que non sexan envases nin envoltorios); azul, para envases de cartón e papel (nunca papeis e cartóns sucios e con restos de graxa, debendo ser retirados previamente elementos accesorios tales como anelas, arames e grapas); iglú verde, para envases de vidro (botellas, frascos e tarros sen tapas, tapóns ou cortizas); recipiente específico para pilas; e contedor verde convencional, para a fracción resto, que Sogama valoriza enerxeticamente, con todas as garantías medioambientais, no seu complexo industrial de Cerceda (A Coruña).

Os que se acheguen á aula terán ocasión de perfeccionar os seus coñecementos na reciclaxe e ata de deixar constancia das súas observacións e comentarios, cumprimentando, de ser o caso, enquisas de satisfacción voluntarias e anónimas a través das cales poden dar traslado de propostas de mellora a incorporar ao sistema de recollida selectiva para facelo máis eficiente e rendible.

Os interesados serán gratificados con diverso material divulgativo e de merchandising que lles resultará de gran utilidade en todo momento, tanto nos seus fogares como no propio tempo de lecer.

“Oportunidades Galicia” é unha iniciativa promovida, coordinada e liderada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio na que participa e colabora Ecoembes e Sogama co fin de incrementar os índices de reciclado na nosa comunidade e avanzar así cara ao cumprimento dos obxectivos europeos na materia, enmarcados no novo modelo de desenvolvemento definido pola economía circular.