Anuncios
Ticker de novas

O Baiverán ofrecerá 90 días de lecer e cultura con preto de 200 actividades

Máis de 40 concertos, 20 actuacións musicais (coros, danzas, música clásica…), 15 conferencias e charlas, 15 festas e actividades populares, unha decena de proxeccións de cine, outros tantos monólogos de humor e actividades exclusivamente infantís, ademais de exposicións, concursos, festas gastronómicas, actos relixiosos, tirada de fogos, rutas guiadas e unha infinidade de actos durante os tres vindeiros meses. O Baiverán 2017 ofrecerá preto de 200 actividades de ocio e cultura durante 90 días de forma ininterrompida.

Os xardíns da Casa-Museo da Navegación acolleron este martes a presentación da programación cultural do Concello de Baiona. A posta de largo do Baiverán contou coa música en directo dos guitarristas Diego Pacheco e Xiñor Tonichi, artistas incluídos no repertorio que a Concellería de Cultura deseñou para esta tempada estival.

A Praza do Concello, a Alameda Carabela Pinta, os Xardíns da Casa da Navegación, o Parque da Palma, a Praia dos Frades e a Praza Vitoria Cadaval de Sabarís serán os principais escenarios, pero o Baiverán chegará máis alá e estenderase por todas as rúas da Vila. “A idea principal é levar a cultura a todos os recunchos e prazas para dar a coñecer todo o que atesoura Baiona e as súas xentes. Unha programación diversa e variada que engloba desde as xa tradicionais Conferencias Culturais que este ano cumpren a VII edición e que comparten espazo cultural na Capitanía Marítima coas exposicións de pintura e fotografía da multitude de artistas e veraneantes de Baiona que expoñen as súas obras”, apuntou María Iglesias, concelleira de Cultura, durante a presentación.

Como novidade este ano destaca a colaboración co IEM (Instituto de Estudos Miñoráns) e as súas coñecidas Xeiras con tres saídas culturais: “Noite de estrelas, garranos e lobos”, na Serra da Groba cos guías Xosé Lois Vilar, Xilberte Manso e Bruno Centelles; “Vila vella de Baiona”, co guía Antonio Soliño; e “Vila fortificada de Monte Real”, co guía Anxo Lemos.

Non faltarán tamén as agrupacións culturais e musicais de Baiona como o Coro de Homes Voces Baionesas, a Banda de Música de Baiona, a Agrupación Musical de Belesar coa Banda e o Coro, a Coral de Baredo, a Coral Polífónica Baiona Real, a Escola de Danza Vila de Baiona, o grupo de Gaitas A Seneira, a Danza das Espadas, o grupo de música folk Abóbriga, a Rondalla Baiona Bay e Son D’Cuatro Trío, entre outros.

Un dos pratos fortes chegará o mes de xullo co Festival de Frades, que este ano se ampliou a dous días coas actuacións estelares de Fonsi Nieto, Abel Ramos e Olga Ryazanova.

“Baiona en Familia” traerá actuacións como Píscore concerto singular, Volta á Maxia de Dani García, Novo Fado de Viviane desde Lisboa, malabares con Pablo Trasno, o espectáculo de circo e acrobacias de Circo Alas, o cantautor Urbano Cabrera, o violinista e saxofonista Antonio Seijo e Pablo Estellés, concertos líricos como o dos tenores Il Bello Canto, o da soprano Begoña Salgueiro e a comedia de Javier Varela.

Tamén volverá “Baiona con Humor” con monologuistas de recoñecido prestixio como Cándido Pazó, Coria Castillo, Dani Clavero, David Amor, Touriñan, Bermúdez, Celso Sanmartín e Tito Robert.

En canto ao programa de “Camiños de Cultura” celebrarase o Concerto de Música Folk “Faltriqueira”, con motivo do día de Galicia, e o Show de Maxia de Cayetano Lledó “Sherlock Holmes”.

O cinema na praza coas proxeccións das películas ao aire libre, todo un éxito para os máis pequenos da casa e para toda a familia, serán no Concello e na praza Vitoria Cadaval de Sabarís.

Ademais, haberá un concerto internacional de “Espazos Sonoros” da Xunta de Galicia, na Igrexa de Santa María de Baiona, con Austrian Baroque Company, para os amantes da música de cámara austríaca especializada na interpretación de música instrumental e vogal europea dos séculos XVI-XVIII.

E nesta ocasión a Festa da Anunciada abrirá o venres co concerto de Seguridad Social. Ao día seguinte e despois da tirada de fogos e luces, será a quenda da idade de Ouro do Pop Español, cun repaso aos éxitos da música dos anos 80: con Alberto Comesaña, de Amistades Peligrosas; Pablo Perea, de La Trampa; Joaquím Padilla, de Iguana Tango, e Chus Herranz, de Musicais. Para o domingo, día da Gran Gala, actuará o músico colombiano Sebastián Yatra, que estará precedido por Tina Cousins, Melody, Karina e Bordon 4.

Na presentación do Baiverán estiveron presentes o alcalde, Ángel Rodal, e gran parte da Corporación Municipal, así como representantes dos colectivos económicos e sociais da Vila.

FOLLETO_BAIVERAN_2017

Anuncios
error: Contido protexido