Anuncios
Ticker de novas

A directora deportiva do CB Nigrán na semana da muller do IES Paralaia

Nuria Gómez, directora deportiva do CB Nigrán, foi unha das profesionais convidadas a participar nas actividades programadas na semana da muller do instituto Paralaia de Moaña. Xunto a ela, outras mulleres profesionais en diferentes ámbitos como a xornalista Montse Fajardo, a bióloga Belén Fervenza, a coreógrafa Xiana Vilas ou a artista plástica Chus Vázquez acudiron ás aulas do instituto para axudar a visualizar o papel da muller como profesional e os obstáculos que se atopan polo feito de selo. Baixo o lema “Por un mundo máis xusto para todas e para todos”, ao longo da semana desenvolvéronse no centro educativo diversas charlas de concienciación así como unha exposición que percorre a vida de mulleres históricas galegas de distintos ámbitos.

Nuria Gómez foi a encargada de abrir a primeira das charlas o pasado luns. Nesta actividade participaron as alumnas e alumnos dos tres cursos de 2º de Educación Secundaria para o que se organizaron tres sesións diferentes. Na primeira parte de cada unha das sesións, despois de ser presentada pola especialista de Educación Física do IES, que falou brevemente aos seus alumnos do currículo deportivo de Nuria como xogadora, adestradora e como seleccionadora, esta falou ás e os mozos sobre o papel da muller no deporte e nos XXOO, os inicios da historia da muller nos XXOO e como se foi avanzando, a pesar do camiño que queda por percorrer como o demostran as diferenzas de salario entre unha muller, o difícil que é para unha muller conciliar vida familiar con traballo (neste caso adestradora), ou as dúbidas que aparecen polo mero feito de ser muller, sentíndose obrigadas a demostrar sempre o dobre.

Na charla Nuria salientou a necesidade de que a muller ocupe cargos de responsabilidade en diferentes postos: directivas, presidentas, xestoras, asesoras deportivas, xornalistas, etc…

A continuación abriuse un pequeno coloquio para que os alumnos e alumnas puidesen realizar á invitada diferentes preguntas.

A segunda parte consistiu nunha actividade práctica que se desenvolveu no Pavillón do IES onde se propuxeron xogos de introdución ao baloncesto, competicións de tiro a canastra, xogos cooperativos por equipos e outros onde se combinaban varios deportes, buscando enriquecer aos alumnos/as e que a actividade se lles fixese amena e divertida.

A directora do CB Nigrán quere dar as grazas a Carmen Penim, filóloga do IES, e a Carmen, especialista de Educación Física, pola organización desta magnífica actividade e por todas as facilidades dadas para a realización da mesma.

Anuncios