Anuncios
Ticker de novas

Chandebrito 1807 denuncia que o Concello de Nigrán utiliza herbicidas tóxicos

FOTO: COMANDO GHICHAS // Herbicida sobre zonas cultivadas, neste caso sobre os pés da viña das veigas veciñais.

O ano pasado o Concello de Nigrán, ante as presións veciñais polo uso de herbicidas que, como sabemos, envelenan o noso medio ambiente, aprobou unha moción na que se acordaba “non autorizar o uso dos herbicidas con glifosato en todo tipo de lugares públicos do municipio, e substituír estes produtos por métodos mecánicos e/ou biolóxicos non contaminantes, que non danan a saúde nin o medio. Nos casos concretos de conflito, o Concello solicitará por escrito ás entidades implicadas na aplicación de herbicidas que en virtude do Real Decreto 1311/2012 empreguen métodos de control alternativos, non químicos”.

A Asociación Veciñal Chandebrito 1807 sinala nun comunicado que recibiu queixas por parte da veciñanza de diferentes lugares do concello avisando de que persoal municipal estaba a fumigar preto das casas, polas cunetas e camiños… “Isto fixo que varios colectivos escribíramos ao alcalde e concelleiros delegados para preguntarlle se era posible que tras a moción aprobada, o concello a estivese incumprindo”, afirman.

O Alcalde respondeu literalmente: “Non é glifosulfato nin ningún herbicida tóxico. Trátase de produto non dañino nin para o medio ambiente nin para persoas ou animais, cando vostedes queiran o poden comprobar.”

“Ante esa resposta pediuse poder comprobalo ou o nome do produto, esta segunda resposta xa non nos chegou”, aseguran.

“Finalmente, tras unha pregunta no último pleno relativa ao tema e tras moita insistencia por parte dun grupo da oposición nos comunican que o produto empregado é GLUFOSINATO DE AMONIO, un herbicida químico que Bayer puxo estratexicamente no mercado coa idea de substituír ó Glifosato (xa que non está polo momento categorizado pola Axencia Internacional de Investigacións sobre o Cancro, e aínda non ten tan mala prensa nin é tan coñecido entre a poboación), e xa está implantado e xerando grandes conflitos ecolóxicos e sociais noutros países, xa que hai investigacións que fan sospeitar que pode ser incluso máis prexudicial e tóxico que o propio Glifosato”.

Para a Asociación esta actitude supón unha burla e unha falta de respecto á veciñanza que esixe o cese inmediato das fumigacións e o cumprimento da moción acordada.

Outro dos compromisos adquiridos na mesma leváballe a facer presión sobre a Xunta de Galicia para que deixara de fumigar as cunetas das estradas que atravesan o espazo de Nigrán, “cousa que tampouco fixo. Así, todo suma,e vémonos infestados de herbicidas tóxicos que se acumulan ano tras ano na nosa terra e na nosa auga”.

Por elo, estase promovendo unha campaña entre a cidadanía para que se dirixa ao goberno municipal denunciando estas prácticas e que lle requira o cumprimento dos propios acordos adoptados polo concello.

Anuncios