Alberto Meira, ante unha nova oportunidade de título no Mariña Lucense

O terceiro e último escenario da tempada para o Campionato Galego de Rallyes será o Rallye Mariña Lucense, unha proba onde Alberto Meira ten postas moitas esperanzas, pois a vitoria na cita lucense proclamaríalle tricampión galego, un título que logrou xa en dúas ocasións, 2010 e 2016.

Aínda que a recompensa polo triunfo no rallye é tremendamente suculenta, o piloto de Vincios, acompañado por José Murado, deberá enfrontarse a unha durísima competencia, pois ademais dos habituais rivais de probas precedentes, a cita viveirense conta coa participación estranxeira dun piloto mundialista, que podería facer de “xuíz” na pelexa polo certame absoluto, aínda que non para a Copa Top Ten Driver Pirelli A, onde Meira ten tamén opcións para alzarse co triunfo final.

A favor do piloto gondomarense está a súa participación do ano pasado na primeira edición do Rallye Mariña Lucense, onde se escapou a vitoria por media ducia de segundos. Por tanto, o coñecemento do terreo será un punto favorable no feito de ser competitivo sobre todo, nas primeiras pasadas das tres que se darán a cada un dos tramos.

Meira valora as súas opcións antes de afrontar a proba: “Toca terminar esta curta tempada, non da maneira que nos gustase a todos, que era disputando máis carreiras, pero a situación de pandemia actual provocou que realmente nos xoguemos o título a unha carta, polo que unha vitoria daríanos o título. Os tramos gústanme bastante, xa se nos deron ben o ano pasado e creo que poderemos estar a loitar na cabeza de carreira desde o primeiro quilómetro. A participación de Nikolay Gryazin, piloto mundialista, sen dúbida será un desafío para nós e cuxo ritmo será unha incógnita ata que non se completen os primeiros tramos. Ademais, a climatoloxía será cambiante, así que de novo a elección do composto adecuado de entre os que ofrece a gama de Pirelli será clave”.