As rosquillas volven ser as protagonistas en Gondomar

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ

Este domingo volveu a Gondomar a Festa da Rosquilla, desaparecida do calendario gastronómico desde que en 2006 celebrásese a última edición. Recupérase así unha festa declarada de interese cultural de Galicia na que o típico produto da Vila é o protagonista. Para a ocasión, elaboráronse 30.000 rosquillas.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, foi a encargada de ler o pregón, para posteriormente ser nomeada “Rosquillera Maior 2017”. A continuación, homenaxeouse ás dúas rosquilleras de máis idade de Gondomar, Herminia, de 99 anos, e Pastora, de 87, a quen a concelleira de Cultura, Nuria Lameiro, entregou un ramo de flores.

Como en toda festa gastronómica, non faltou a música, a cargo da Banda da Agrupación Musical de Vincios, o grupo de gaitas Aires de Santes e o Rancho Folclórico de San Cosme de Gondomar (Portugal).

Mentres tanto, os centos de veciños e visitantes facíanse coa bandexa de rosquillas variadas, elaboradas por Rosquillas Cristaleiro, Panadería Confeitería Copena, Pastelería Melosa e Panadería e Confeitería Menisco, cun prezo de 2 euros, acompañada dunha cunca conmemorativa da festa con viño verde portugués ou auga.

Ademais, a Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI), preparou un gran concurso de rosquillas dirixido tanto a hostaleiros como a particulares. E para pechar a festa, celebrouse un picnic no Parque da Coelleira, con obradoiros para os máis pequenos a cargo de Matrácala e as actuacións de Ameva Dúo e a Batucada de Bloquiño Aperta.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios