O primeiro campionato de scooter de Nigrán reúne a 60 riders en Porto do Molle

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

O Concello de Nigrán organiza hoxe no entorno da pista de half de Porto do Molle o seu primeiro campionato de scooter (patinete freestyle), un dos poucos eventos desta disciplina en Galicia e que reúne aos mellores rides a nivel nacional.

«Hai unha gran afección en Nigrán a este deporte urbano entre os rapaces, por iso dende o Concello queremos apoialos organizando este campionato dunha disciplina que, inxustamente, é máis descoñecida que o skate», sinala o alcalde, Juan González, quen aposta a que a competición «chegue a ser unha referencia en Galicia e, por tanto, se manteña no calendario deportivo de Nigrán». «Traballamos para crear dende o inicio un evento forte que vaia gañando aínda máis peso nas seguintes edicións», sinala Abilio Senra dende a organización.

En total, participan 60 riders (nome que reciben estes deportistas) entre os que se atopa o mallorquín Borja Mauricio (décimo mellor de España), Adrián Cabanelas (entre os mellores de Galicia) e Iago Senra, principal referencia en Nigrán, onde este deporte urbano reúne a unha gran canteira de rapaces.

A competición, que conta con categoría máster e pro (os máis experimentados) arrancou ás 11.00 horas con inscricións e adestramentos durante toda a mañá para renovarse ás 17.00 horas coas roldas clasificatorias. Agárdase que a entrega de trofeos para os tres primeiros de cada categoría se realice ás 21.30 horas.

Xunto á pista hai unha barra para que os asistentes poidan mercar bebidas ou comida. Ademais, entre os asistentes sortearanse diferentes regalos.