26 traiñeiras disputarán a “Bandeira 525 Aniversario da Arribada da Pinta” en augas de Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Presentación da Regata de Traiñeiras "Bandeira 525 Aniversario da Arribada da Pinta".

A baía de Baiona volverá ser escenario dunha regata de traiñeiras trinta anos despois da última. Mañá a Real Vila acollerá a Regata ”Bandeira 525 Aniversario da Arribada da Pinta”. Ademais, a regata de Baiona será a máis importante da Liga Galega de Traiñeiras, xa que despois de case un ano os equipos volverán atoparse para medir forzas na competición. Asistirán todos os equipos, os da Liga A (12 equipos), a Liga B (9 equipos) e a Liga Feminina (5 equipos), en total 26 equipos, coas súas 26 traiñeiras e os seus máis de 550 deportistas máis o persoal técnico, adestradores, delegados, presidentes…

Ás 12:30 as traiñeiras farán unha espectacular entrada por estrada á Vila. Entre as 15:00 e as 16:30 producirase a baixada das embarcacións á auga na Praia Ribeira e entre as 17:00 e as 18:30 disputarase a regata na praia de Santa Marta. Está previsto que as traiñeiras gañadoras reciban as bandeiras a bordo da Carabela Pinta ás 18:45 horas. O broche final á xornada poñerase cunha actuación de folclore tradicional da Escola de Danza Vila de Baiona e o Grupo de Gaitas A Seneira na praia Ribeira, o lugar no que hai 525 anos desembarcou a tripulación e a xente que viaxou a bordo da Carabela Pinta na súa viaxe de volta ao vello mundo. Tras as actuacións a praia albergará o acto de presentación dos equipos.

“Baiona recupera as traiñeiras 30 anos despois polo 525 aniversario da Arribada, pero isto só é o inicio dunha longa traxectoria que non deixaremos que se volva a perder. Queremos facer da nosa vila un lugar único onde gozar dos deportes náuticos, para gozar do mar, para visitar, reforzando o noso vínculo co océano e as nosas raíces mariñeiras, por tanto, no noso horizonte sempre estivo devolver a Baiona a regata de traiñeiras”, sinala o concelleiro de Actividades Marítimas, Raúl Costas.

“O Concello de Baiona apostou por traer de novo a Baiona esta regata tradicional para volver ás raíces mariñeiras do lugar, trátase da competición máis tradicional de todas pois a orixe das regatas de traiñeiras debemos atopalo, como non podía ser doutra maneira, no mar, e máis concretamente na actividade pesqueira. Trátase dun día moi esperado debido á súa gran tradición e o encanto de remar na baía de Baiona, todas as traiñeiras ansían gañar a regata e ondear a bandeira en augas baionesas”, engade o concelleiro.

Para o alcalde, “se trata dun evento moi importante para Baiona no deportivo, pero tamén o é a nivel turístico e económico. Os regatistas veñen acompañados por un gran número de persoas que pasan todo o fin de semana na vila, enchendo hoteis e os restaurantes. Tamén é unha iniciativa acollida con gran entusiasmo polos comerciantes baioneses e supoñerá un impacto económico para os negocios locais. Tampouco debemos deixar de lado a repercusión mediática dun evento destas características que levarán as imaxes da baía de Baiona a centos de fogares. Baiona é unha Vila atlántica, rodeada e marcada polo mar, porque vive e convive con el a través do seu porto, dos seus mercados, das súas praias, da súa gastronomía e tamén, coa aposta por este tipo de eventos da actividade de lecer ou deportiva”.

Coa celebración da Regata de Traiñeiras “Bandeira 525 Aniversario da Arribada da Pinta” Baiona recupera despois de trinta anos unha proba con tradición e soleira entre os amantes dos remos. Unha proba que devolve á Vila á súa esencia, ás súas raíces mariñeiras, e que ademais conxuga, e serve para rememorar, o protagonismo histórico que lle chegou á Real Vila de Baiona por mar hai 525 anos cando a Carabela Pinta arribou á súa costa coa noticia do descubrimento dun novo mundo.

Anuncios