Gondomar atrásase na firma do convenio para sufragar a viaxe dos nenos saharauís

En abril deste ano a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, dirixiu ao Alcalde de Gondomar e á Concelleira de Benestar Social un escrito que entre outras cousa dicía: “Dirixímonos a través da presente, á institución Municipal para expoñer as seguintes peticións que consideramos aceptables e posibles para o desenvolvemento da acción de cooperación en causa xusta e xustificada.

O Programa de Vacacións en Paz é un acto solidario e cooperativo de humanitarismo cos cativos e cativas dos Campamentos de Refuxiados no deserto de Tinduf (Arxelia) no que se deu en chamar Hamada (terra infernal).

Mediante o mesmo viaxan varios nenas e nenos ao noso Concello para seren acollidos por familias os dous meses de verán, xullo e agosto. As familias acolledoras realizan un gran esforzo dando alimento, vestido, axudas de todo tipo e mesmo costeando eventos deportivos e culturais, etc. Moitos concellos tamén poñen o seu graniño de area na cooperación, costeando a viaxe das nenas que son acollidas polas familias.

Por este motivo e polo que considerando que no noso Concello hai 4 familias acolledoras, é polo que nos diriximos á Institución para solicitar dúas peticións doadamente factibles:

1º.- Que o noso Concello asine un convenio de cooperación para axudar a costear á viaxe destes nenos e nenas, coa presidenta da Asociación SOGAPS.

2º.- Que se colabore coas familias acolledoras que o desexen, aceptando nos campamentos de verán organizados polo concello para nenas e nenas do municipio a estes nenos. Para así realizar un dos obxectivos básicos do programa Vacacións en Paz que é nin máis nin menos que a socialización, convivindo coas nenas e nenos de aquí e así procurar aprender mellor os nosos idiomas.

Agardando a comprensión destas propostas e a aceptación das mesmas só temos que enviarlles un cordial saúdo na esperanza de podermos contar coa súa total colaboración”.

Dado o silencio do Goberno Municipal, esta asociación dirixiu, o 29 de maio, o mesmo escrito de Solicitude Institucional aos grupos políticos municipais. Produto desta solicitude o Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto presentou unha Moción por urxencia ao pleno do 1 de xuño para que se aprobara a seguinte proposta de acordo: “O Pleno da Corporación Municipal insta ao Sr. Alcalde de Gondomar a que asine, antes do 10 de xuño, o Convenio de Colaboración entre o Concello de Gondomar e a Asociación SOLIDARIEDADE GALEGA CO POBO SAHARAUÍ, arriba referenciado e que foi entregado ao Goberno Municipal e a todos os Grupos Políticos con representación Municipal, e que se achega con esta proposta de acordo“. Acordo que se tomou por unanimidade.

O Concello de Gondomar leva anos contribuíndo a esta causa de Vacacións en Paz dos nenos e nenas saharauís, evitando que permanezan os meses de calor de xullo e agosto nos campamentos con temperaturas en ocasións superiores aos 50º e que entre os obxectivos deste Convenio están, entre outros, garantir os dereitos das nenas e nenos á saúde realizando controis médicos oportunos, asegurala súa integridade física e emocional, respectar as súas crenzas e favorecer a súa integración no medio durante a súa estadía no noso país, facilitando a súa participación en alternativas de lecer e tempo libre. E que a contribución económica por parte da Administración Municipal está nos 3.500€, cantidade destinada a contribuír a sufragar o financiamento dos billetes das nenas e nenos en avión dende o aeroporto de Tindouf ata Peinador.

 

“Pasaron xa máis de 30 días sen que o goberno municipal co seu Alcalde á cabeza deran cumprida conta deste acordo plenario, seguindo a súa norma de conduta de obviar a vontade da corporación municipal que representa á veciñanza de Gondomar”, sinala Pauliño del Río, quen volve subliñar que “este acordo foi tomado por unanimidade”.

A participación do Concello de Gondomar co programa Vacacións en Paz vense realizando dende hai máis de 20 anos de xeito ininterrompido con todos os gobernos municipais, de diversa cor política, sen excepción. “Vai ser este goberno quen se opoña a colaborar? Por acción ou omisión?”, pregúntase del Río.

“Rexeitamos profundamente esta actitude do goberno, máis preocupado polas cuchipandas e realidade virtual que polos temas sociais, educativos ou solidarios do noso concello. Dende o Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto esixímoslle ao goberno municipal que asine xa o convenio e deixen de dar escusas inexistentes”.