O goberno de Nigrán rexeita a moción de UCN para a supresión do imposto de plusvalías

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O pleno ordinario do mes de xuño celebrado este mércores en Nigrán rexeitou cos votos do PSOE a moción presentada polo partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), na que se expuña a derrogación do Imposto sobre o Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana (Plus-Valía), como consecuencia da recente anulación polo Tribunal Constitucional, declarando a inconstitucionalidade dos artigos 107.1, 107.2 a) e 110.4 da Lei Reguladora de Facendas Locais, aprobada por Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo.

UCN considera que ao tratarse dun Imposto de carácter voluntario e non obrigatorio para os Concellos, e tendo en conta que a súa filosofía veu sendo moi cuestionada desde moitos ámbitos da sociedade, dado que o Imposto grava a revalorización (e non a perda) dos inmobles, e na realidade é abonado sempre, aínda que perdan o seu valor e xeren perdas na transmisión -casos moi habituais desde que estalou a crise económica-, considerando o Alto Tribunal, que o citado imposto vulnera o principio constitucional de capacidade económica, na medida que non se vincula necesariamente á existencia dun incremento de valor do ben transmitido, senón a unha mera titularidade durante un período de tempo, circunstancia que impide ao cidadán cumprir coa súa obrigación de contribuír, de acordo coa súa capacidade económica.

UCN lembra que a actual situación económico-financeira do Concello, permite revisar á baixa a elevada presión fiscal que veñen soportando os veciños, e que mesmo se viron incrementados os impostos nos últimos anos de grave crise económica, “polo que entendemos é o momento de compensar aos cidadáns o gran esforzo realizado, sobre todo, en momentos críticos e en particular nas economías familiares”, sinala Antonio Fernández Comesaña.

O portavoz de UCN lamenta a falta de sensibilidade do goberno local por non apoiar unha medida razoable, que en boa medida viría paliar as graves consecuencias sufridas polas familias nos últimos anos, que co seu esforzo, posibilitaron unha mellora na situación económica das contas municipais.