O dispositivo de loita contra incendios refórzase coa incorporación de 500 efectivos

O Consello da Xunta aprobou hoxe a encomenda de xestión da Consellería do Medio Rural á Empresa Pública Servizos Agrarios Galegos, S.A. (SEAGA) para a execución de traballos preventivos e servizo de brigadas de prevención, vixilancia e defensa contra os incendios forestais durante a campaña de alto risco 2017.

Sobre o terreo traballarán un total de 500 persoas, as cales se agrupan en 125 brigadas de 4 membros cada unha. Estas brigadas deberán realizar traballos preventivos nos montes de xestión pública de Galicia, que se cofinanciarán co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, ademais de colaborar nas tarefas de defensa e extinción de incendios forestais.

A encomenda inclúe tamén, ademais dos reténs de maquinaria pesada e apoio técnico á prevención e defensa contra os incendios forestais, medios para o apoio á elaboración de estudos e análise estatística coa incorporación de 28 traballadores.

Todas estas brigadas se integrarán no dispositivo de loita contra incendios forestais baixo o mando único da Xunta, o que garante o seu correcto funcionamento. Deste xeito, serán máis de 7000 persoas -entre efectivos da Xunta, persoal do Ministerio, do Exército e dos corpos e forzas de seguridade do Estado- as que conformen o operativo humano de prevención e extinción, que será un dos máis potentes de toda España.

Ademais, contarase con preto dunha trintena de medios aéreos –entre os propios da Xunta e os que proporciona o Estado– e 360 motobombas da Xunta, dos concellos e dos parques de bombeiros, aos que se engaden cisternas, pas e outros vehículos.

Anuncios