En Marea traslada ao Congreso a “fixación” da Garda Civil de Gondomar co galego

FOTO: EN MAREA

A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, presentou senllas preguntas dirixidas ao Ministerio de Interior para criticar “a fixación” e “manía persecutoria” da Garda Civil de Gondomar coa lingua galega, en referencia ao último episodio polo que axentes da Benemérita denunciaron ao concello por ter sinais de tráfico en galego, sinais que levan instaladas desde hai máis de dez anos.

“Cre o Goberno que se xustifica esta actitude da Garda Civil de Gondomar cando os sinais de tráfico interurbanos levan instalados desde hai moitos anos?”, pregunta Alexandra Fernández ao Goberno. Neste sentido, lembra que o sinal máis antigo, situado no acceso ao instituto Terra de Turonio, foi situada no curso 1998-1999, e os outros dous colocáronse no 2007 nos acceso á área industrial de A Pasaxe.

Crear un problema onde non existe

Aclara a deputada de En Marea que se trata de sinais de dirección prohibida que se identifican por si mesmas, que “só incorporan un texto en galego que recolle a excepcionalidade e que os veciños e as veciñas entenden sen problema. O que fai a Garda Civil é crear un problema onde non o hai, xeran un problema inexistente”.

Explica a parlamentar de En Marea que os axentes acusan ao consistorio de incumprir a Lei de Tráfico por non figurar a lingua española e propoñen unha sanción económica. Tema que segundo Fernández debería ser obxecto de flexibilidade, especialmente en territorios con lingua propia. “Non deberían respectarse os dereitos lingüísticos dos galegos e das galegas cando estamos aludindo a sinais de tráfico perfectamente identificables? Non cre o Goberno que se produciu un exceso de autoridade por parte da Garda Civil?”.

A Fernández resúltalle “curioso que se sancione a un consistorio tantos anos despois, e tamén é curioso a énfase da Garda Civil por uns sinais de dirección prohibida que nunca xeraron problema algún. Mais, lamentamos a fixación que este posto da Benemérita ten coa lingua galega que chega a extremos incomprensibles”.