Anuncios
Ticker de novas

Os #RíasBaixasFests promoverán a igualdade e a reciclaxe

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou hoxe en rolda de prensa os eixes transversais dos 8+1 Festivais Rías Baixas, que versan nas materias de Igualdade e sustentabilidade, nun acto que contou coa actuación musical da artista Mounqup e ao que tamén asistiron o deputado delegado de Turismo Rías Baixas, Santos Héctor Rodríguez, e alcaldes, alcaldesas, concelleiras e concelleiros dos municipios nos que teñen lugar os festivais. Trátase de dúas liñas de actuación que, sinalou a Presidenta provincial, “teñen que estar presentes sempre en cada acción porque fala da nosa calidade como provincia”.

Por unha banda, Carmela Silva presentou a estratexia dos #RíasBaixasFests en materia de Igualdade agradecendo “o compromiso dos promotores e promotoras dos Festivais, xa que non pode haber un mellor marco que o dos Festivais onde participan dende nenas e nenos ata persoas maiores, xa que hai unha grande idea que vai ser un grande paraugas para todo tipo de públicos”.

Deste xeito, Carmela Silva sinalou que “dende a Deputación de Pontevedra promovemos que haxa unha presenza equilibrada de mulleres e homes na oferta artística”, de xeito que “cada un deles terá que ter como mínimo un 40% de representación feminina nos seus carteis. Hai festivais que van ter case o 100%, cousa que non está nada mal tendo en conta os séculos que levamos de invisibilidade”. Carmela Silva, ademais, lembrou que “non nos conformamos con iso, xa que tamén impulsamos a garantía da igualdade salarial” en todas as categorías profesionais. Deste xeito, a institución provincial loita contra “a brecha salarial que fai que, aínda a día de hoxe, as mulleres recibamos máis dun 20% menos que os homes por desenvolver exactamente as mesmas tarefas ca eles”, lembrou a Presidenta.

A Presidenta provincial tamén sinalou a inclusión da perspectiva de xénero en todas as accións e estratexias de comunicación dos Festivais Rías Baixas, que deberán empregar “linguaxe inclusiva e non sexista” e, ademais, deberán ter a Igualdade presente en todos os contidos, “non soamente nos de texto, senón tamén nas imaxes ou ilustracións que os acompañen”, sinalou Silva. A Presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que a través destas accións “pretendemos potenciar a ruptura de estereotipos de xénero e visibilizar todo o que as mulleres aportan á industria musical”. Por último, Carmela Silva sinalou a inclusión da campaña institucional dirixida a erradicar as violencias machistas, “Lembra! Eu decido, ti respectas”.

Ademais, a Deputación tamén impulsa, no eido da sustentabilidade, unha campaña de recollida de residuos baixo o lema “#RíasBaixasFests + sostibles. Recolle, reutiliza, recicla”, que busca, sinalou Carmela Silva, “que a cidadanía adquira un compromiso co medio ambiente a través da concienciación ás persoas asistentes da correcta xestión dos residuos que se xeran neste tipo de eventos”, co feito engadido de que “ademais de que acoden máis de 200.000 persoas, os Festivais Rías Baixas teñen lugar en lugares singulares, de grande beleza paisaxística e importancia patrimonial, polo que temos todas e todos que ser especialmente sensibles co respecto que merecen estas localizacións”.

Deste xeito, ademais de que todos os festivais van contar con numerosos colectores de lixo, perfectamente identificados cada un deles e espallados por todos os recintos, haberá informadoras e informadores ambientais, unha especie de “voluntariado verde” ou “eco-patrulla” que van reforzar o compromiso por converter os Festivais Rías Baixas en eventos sostibles, sustentables e respectuosos co medio ambiente. Estas persoas, que estarán identificadas en todo momento, sensibilizarán ao público asistente sobre o respecto ao entorno, incentivándoos e incentivándoas a participar na reciclaxe de residuos e tamén poderán premiar a aquelas persoas cuxo comportamento na recollida de residuos sexa exemplar, entregándolles produtos de merchandising dos Festivais Rías Baixas

A Presidenta provincial sinalou que “con este acto, ademais, queremos dar o pistoletazo de saída dos Festivais Rías Baixas, que comezan este mesmo venres co AtlanticFest”. Carmela Silva volveu aplaudir esta iniciativa porque “non temos que defender o individual, senón que cando sumamos sinerxías o colectivo permite que individualmente crezamos máis e mellor”, e asegurou que “parte do seu valor reside en que teñen un compromiso co crecemento e a actividade económica, promoven o emprego, a nosa Cultura de onte, de hoxe e de mañá…”. Carmela Silva tamén agradeceu aos concellos que acollen os #RíasBaixasFests porque, asegurou, “souberon ver que promover a música e as industrias que xiran arredor dela é un elemento de futuro para os seus concellos e para o conxunto da provincia”.

OS #RÍASBAIXASFESTS PROMOVERÁN A IGUALDADE E A RECICLAXE

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Anuncios