Nigrán retrocede a nivel de alerta laranxa e Gondomar a nivel de alerta cero

Segundo os datos publicados este domingo pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Nigrán retrocede a nivel de alerta 2, tras permanecer en alerta vermella desde o pasado 30 de outubro. Segundo o semáforo de cores que utiliza a Xunta, nos últimos 7 días foron confirmados por PCR entre 14 e 21 casos. Gondomar tamén retrocede, neste caso a nivel de alerta 0, con menos de 7 casos confirmados por PCR nos últimos 7 días. Baiona continúa en alerta amarela, con entre 7 e 14 casos confirmados por PCR nos últimos 7 días.

A pesar destes datos, Gondomar e Nigrán, xunto con Vigo, Mos, O Porriño e Redondela, continúan coas restricións acordadas o pasado 4 de novembro polo comité clínico que asesora á Xunta de Galicia. Están permitidos o 100% dos movementos para ir a traballar, á escola, a atender coidados necesarios de menores e maiores, e todos os movementos sanitarios. E o comercio funciona cos mesmos criterios do resto de Galicia. A hostalería permanecerá pechada, agás o servizo a domicilio e para recollida que si se pode ofrecer.

A práctica deportiva está restrinxida a deporte individual e reducido o aforo en establecementos culturais, que con esas limitacións poden seguir funcionando –cines, teatros, auditorios, e outros recintos de público sentado poden ocupar o 50% de cada sala, cun límite de 30 persoas en interior e 75 en exterior–. Hai tamén restricións de mobilidade, é dicir, non se pode entrar nin saír da área que forma Vigo con Mos, Nigrán, Gondomar, O Porriño e Redondela agás por razóns laborais e actividades esenciais.

5 positivos nunha residencia de Nigrán

Segundo a listaxe facilitada pola Consellería de Sanidade, nestes momentos hai cinco positivos por coronavirus no Fogar Residencial Bo Día de Nigrán. Trátase dun traballador e de catro usuarios. Os datos actualizados este domingo arroxan un total de 381 maiores usuarios de residencias e 267 traballadores contaxiados en Galicia. No que respecta aos centros para persoas con discapacidade, hai 46 casos positivos entre os usuarios e 15 entre os traballadores.

Novos casos confirmados por PCR nos últimos 7 días

Novos casos confirmados por PCR nos últimos 14 días