A Deputación iniciará esta semana o pintado das estradas provinciais no Val Miñor

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra iniciará esta semana, se a climatoloxía o permite, o pintado da nova sinalización horizontal nas estradas provinciais do Concello de Baiona. Os traballos contratados pola institución provincial na zona do Val Miñor comezarán por este municipio, onde se renovarán 33,8 quilómetros de sinalización, que subirán ata os 86,2 no global dos concellos, que ascenden a un investimento de 49.274 euros.

O plan de mellora da sinalización horizontal promovido polo Departamento de Mobilidade no que están inmersas estas actuacións no Val Miñor beneficiará a 226 estradas de titularidade provincial, o que supón case as tres cuartas partes do total da rede da Deputación, cunha lonxitude de 2.577 quilómetros de pintados. Tivo un orzamento xenérico de saída de 1,7 millóns de euros e foi adxudicado en catro lotes por un total de 1.409.319 euros.

A mellora da sinalización horizontal, segundo asegura o deputado Uxío Benítez, enmárcase na nova filosofía do departamento de Mobilidade da Deputación que aposta pola mobilidade sustentable na que a seguranza viaria é un eixo clave. O obxectivo do plan de sinalización horizontal é que se pinten as vías (liñas lonxitudinais, aparcamentos, illotes, cebreados, pasos de peóns) que nunca tiveron marcas viarias e se renove o pintado naquelas nas que polo paso do tempo e o uso xa estean desgastadas.

LISTAXE DE ESTRADAS DO PLAN DE MELLORA DA  SINALIZACIÓN HORIZONTAL NO VAL MIÑOR

Anuncios