Prades dinamita a Volta a Cantabria e asina un triunfo con dedicatoria

O campión de España Elite exerceu como tal este venres na segunda e penúltima etapa da Volta a Cantabria. Benjamí Prades lanzou un demoledor ataque a falta de 2 quilómetros para o final e na liña de meta de Vioño conseguiu o undécimo triunfo desta tempada do Vigo-Rías Baixas. A recompensa ao formidable traballo en equipo realizado polos compoñentes da estrutura presidida por José Luis Chamorro non quedou aí e Miguel Ángel Fernández situouse como novo líder da Montaña.

Tras rodar fuxido na primeira xornada durante 70 quilómetros, Prades decidiu nesta ocasión xogarlla no desenlace da etapa. Nos 135 quilómetros con saída e chegada en Vioño ascendíase en catro ocasiones o Alto da Montaña, pero a subida máis decisiva atopábase a falta de 2 km para a meta. Un explosivo repeito de 600 metros, cunha media próxima ao 7%, que levaba marcado en vermello o xefe de filas do Vigo-Rías Baixas.

“Miguel Ángel, que é de aquí, xa me comentaba como era o final de etapa. Hoxe, antes de empezar, viñémolo a ver e xa lles dixen que a quería gañar”, desvelou despois de anotarse a vitoria o ex profesional tarraconense. Prades quería que a carreira chegase controlada á subida ao Cemiterio de Salcedo e o seu desexo fíxose realidade grazas ao despregamento realizado polos seus compañeiros.

O bloque flúor manexou a etapa tal e como deseñara Marcos Serrano, con Miguel Ángel Fernández correndo con liberdade nos primeiros quilómetros. O cántabro aproveitou esa estratexia para formar parte dunha escapada durante 40 km xunto a outros cinco ciclistas e coroar na cabeza os dous primeiros pasos polo Alto da Montaña. Os puntos sumados servíronlle para recoller no podio a camisola branca a puntos vermellos de mellor escalador.

Escapada demoledora

Os ataques non deixaron de sucederse, pero o pelotón presentouse compacto a pé do repeito que Prades tiña entre cella e cella. “Fixemos un bo traballo, aínda que foi un desenlace diferente ao que me esperaba. Quería arrancar a metade da subida, pero vinme adiante e arranquei desde o inicio. Aínda que puiden coroar só, fíxoseme un pouco longa”, comentou o campión de España, que co seu cambio de ritmo no repeito do Cemiterio de Salcedo dinamitou o pelotón.

O catalán lanzouse con valor no descenso que conducía a meta e demostrou as súas táboas ao non perder a calma a pesar de levar un bo susto na baixada: “Tiven un contratempo, que collín á moto, pero non me vou a queixar porque ao final veume ben. Púxenme a roda dos mozos que viñan por detrás e puiden remontar no sprint. É un pracer gañar nesta etapa tan bonita, das que me gustan de verdade”.

Prades levantou os brazos por diante de Vinícius Rangel Telco’m), novo líder da xeral, e de Vicente Hernáiz (Kometa). O tarraconense logrou a súa terceira vitoria desta campaña nuns días que non están a ser nada fáciles para el polas graves inundacións que se produciron en Alcanar, a súa localidade natal. O triunfo brindoullo aos seus veciños: “Eu estou aquí pedaleando, pero no meu pobo están a sacar barro despois das inundacións. Dedícolles a vitoria”.

Na xeral, Prades ocupa a décima praza igualado a tempo co líder. A Volta a Cantabria conclúe este sábado en Puente Viesgo coa súa etapa máis montañosa: un traxecto de 148 km que finaliza nunha subida de 3ª categoría e que tamén inclúe os ascensos de 2ª ao Caracol e La Braguía.