Xulgan a un home por tres delitos de agresión sexual a menores, un deles en Nigrán

A Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará o vindeiro xoves día 29 a un home por tres delitos de agresión sexual. Está acusado de facer tocamentos a tres menores pola rúa, unha delas en Nigrán. O fiscal pide 17 anos e medio de prisión.

A tarde do 21 febreiro 2015, no lugar da Gándara (Pontevedra), seguiu a un grupo de tres nenas que circulaban en bicicleta, e alcanzou á que circulaba en último lugar, de 12 anos de idade nese momento. Agarrouna por detrás, tocoulle os peitos. A menor forcexeou e gritou fortemente sendo escoitada polas súas dúas amigas que detiveron as bicicletas e comezaron a gritar, polo que o acusado marchouse do lugar. Non sufriu lesións físicas, pero segundo o informe forense presenta medo e alteración do patrón do soño.

Sobre as 14:30 horas do día 3 xuño de 2015, unha menor de 14 anos de idade nesas datas, camiñaba cara ao seu domicilio en Nigrán. O acusado seguiuna co coche e buscou un lugar idóneo para satisfacer o seu desexo sexual coa nena. Esperou a que pasase polo lugar, agarroulle os brazos, tocoulle un peito, tentou levarlla para o vehículo do acusado, pero polo forcexeo da menor, terminou tirándoa ao chan. O acusado detivo a súa agresión uns segundos, que aproveitou a menor para fuxir correndo.

Non sufriu lesións físicas, pero segundo o informe forense presentou trastorno por tensión postraumática, un importante temor que afecta á súa vida diaria, impedíndolle desprazarse soa, ou quedar soa en casa, ademais de dificultades para durmir e manter o soño.

Sobre as 21:00 horas do día 24 xullo de 2015, unha menor de idade, de 17 anos nese momento, camiñaba por Mondariz Balneario. O acusado camiñou cara a ela, e sen mediar palabra, propinoulle dúas puñadas na cara, tirouna bruscamente ao chan, e tras rodearlle o pescozo cun brazo, introduciu a súa man por baixo do pantalón, tocándolle a zona xenital por encima das bragas.

A consecuencia da agresión, a menor sufriu fractura de terzo medio de diáfise da clavícula dereita. Erosión mucosa beizo inferior oral. Racho de mucosa de encía superior esda. Tumefacción dolorosa a nivel de mentón. Tardou en sanar 151 días, 5 de hospitalización, 55 días impeditivos non hospitalarios, e 91 días non impeditivos.

O fiscal solicita unha pena de 6 anos e 6 meses de prisión, inhabilitación especial para o exercicio do dereito de sufraxio pasivo durante o tempo da condena, prohibición de aproximarse á vítima durante 8 anos e costas para os dous primeiros casos, e polo terceiro, pola agresión sexual, a pena de 2 anos e 6 meses de prisión, inhabilitación especial para o exercicio do dereito de sufraxio pasivo durante o tempo da condena, prohibición de aproximarse á vítima durante 4 anos. Polo delito de lesións, a pena de 2 anos de prisión, inhabilitación especial para o exercicio do dereito de sufraxio pasivo durante o tempo da condena e costas.

Así mesmo, por responsabilidade civil, pide unha indemnización de 12000 euros polos danos psíquicos sufridos polas vítimas, ademais de 7390 euros polos días de sanidade e 1000 euros polas secuelas consistentes en cicatriz de 0’5 cm en clavícula dereita para a menor de Mondariz.

Anuncios