Anuncios
Ticker de novas

Telmo Peluqueros conquista en Baiona a Copa Mahou Galicia F7 Cup 2017

A Copa Mahou Galicia F7 Cup 2017 xa ten dono. Telmo Peluqueros proclamouse campión do torneo autonómico tras impoñerse a Vippter-La Plaza por 5 goles a 2. O conxunto vigués sucede, desta forma, ao seu rival na final como campión galego de fútbol 7.

Despois do final da tempada regular, a Copa Mahou Galicia F7 Cup 2017 entrou en escena este fin de semana en Baiona. Os mellores equipos da competición loitaron polo título de campión galego de fútbol 7 nunha dobre xornada de fútbol, festa e diversión, celebrada por terceiro ano consecutivo no campo municipal do Aral.

Tras unha calorosa xornada de sábado, a Copa Mahou Galicia F7 Cup 2017 encarou a súa recta final coa disputa o domingo da fase de eliminatorias. As semifinais, por cousa do destino, resultaron ser un dobre duelo entre herculinos e vigueses. Por unha banda, Telmo Peluqueros e Abica Colines e, polo outro, a Vippter-La Plaza e Atlas Bus.

Todo se resolveu ao final

A fase de grupos tivo emoción ata o último momento. En todos eles houbo que esperar ata o final para coñecer ao primeiro clasificado que accedía á seguinte rolda. No Grupo A, Telmo Peluqueros e Los Romeos xogáronse o pase. Ambos se impuxeron con comodidade a Recreativo de Juerga para dirimir o gañador no seu duelo particular. O equipo de Baiona deixara sensacións positivas na fase previa, derrotando con claridade a Campo da Angustia CF (10-3) e Unión Colonial (0-9), para acceder con bo cartel á fase de grupos. Con todo, a experiencia e calidade dos xogadores vigueses acabou impoñéndose para meterse nas semifinais.

O guión foi parecido no Grupo B, onde Petit Rojo e Abica Colines acabaron xogándollo todo no último encontro. Ambos dobregaran tamén ao outro integrante do grupo, A Adega-Wences 2, iso si, tendo que empregarse a fondo. O esforzo foi especialmente notable no caso do conxunto herculino, xa que tivo que remontar tres goles de desvantaxe para chegar con vida ao final. No choque que decidía todo, Abica Colines estivo máis enteiro e levou o gato á auga.

Máis dominada tivo a súa clasificación o vixente campión Vippter-La Plaza. Do mesmo xeito que na pasada edición, tocoulle enfrontarse a Damalim, conxunto ao que venceu por 3 goles a 6. No seu segundo partido, con todo xa de fronte, non pasou apuros ante Vector ITC Group (6-2) para seguir co seu camiño cara á próxima eliminatoria.

O que máis emocionante estivo foi o Grupo D. Avery Dennison United tíñao na súa man co marcador a favor no seu encontro ante Atlas Bus do que sairía o cuarto semifinalista. Con todo, a escuadra viguesa foi a por o partido e acabou remontando (3-4) para conseguir entrar entre os catro mellores equipos do torneo. Con anterioridade, ambos se impuxeron a Arisa para xogarse o pase no seu enfrontamento directo.

A xornada dominical arrancou cos duelos de semifinais. Os vigueses deixaron polo camiño a Abica Colines, conxunto ao que dobregaron con claridade (9-3), mentres que para os herculinos o seu enfrontamento ante Atlas Bus foi de moito máis desgaste, aínda que terminou igualmente con final feliz para os seus intereses (2-1).

Duelo intenso

Despois das súas vitorias, os dous finalistas saltaron ao campo para xogarse o título. O partido empezou igualado e con ocasións xa desde o primeiro momento. Telmo Peluqueros foi o encargado de abrir o marcador, aínda que pouco tardaría Vippter-La Plaza en responder co gol do empate anotado por Jacobo. Os vigueses volveron coller a iniciativa antes do descanso e xa non a soltaron máis no que quedou de partido. Tras o terceiro tanto local, xa na segunda parte, os coruñeses metéronse de novo no choque grazas a Alejandro Peteiro.

Cunha vantaxe mínima, o partido puido cambiar de rumbo en calquera momento. Con todo, a colocación e o traballo colectivo do conxunto olívico acaboulle dando resultado. Telmo Peluqueros soubo administrar a súa renda no marcador e controlou os envites herculinos en busca da igualada, para así lograr un traballado triunfo co que coroarse campión da Copa Mahou Galicia F7 Cup 2017.

Anuncios