Anuncios
Ticker de novas

Galicia en alerta laranxa por altas temperaturas

FOTO: PEPE COSTAS

A Xunta de Galicia, a través do seu Comité de Plan de Calor, no marco do Plan de Actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, informa dunha situación de alerta de vaga de calor para diversas zonas da nosa Comunidade. As áreas máis afectadas poderían ser as correspondentes ao Miño de Ourense, Valdeorras, Miño de Pontevedra, interior de Pontevedra e suroeste da Coruña.

Dende a tarde do venres o aire cálido que ata o de agora estivo retido polos ventos do norte en todo o centro peninsular, vai entrar en Galicia, con avisos de nivel amarelo por temperaturas máximas superiores aos 34-36ºC no sur da Comunidade.

Para a fin de semana, o aire cálido permanecerá sobre Galicia, sen vento, polo que as temperaturas serán moi elevadas tanto polo día como pola noite. A situación de forte calor será xeneralizada en toda a Comunidade, agás no norte da provincia de Lugo, onde as temperaturas máximas non superarán os 25ºC. No resto de Galicia, prevense valores máximos arredor dos 30ºC e mínimos de 18ºC como media, aínda que cómpre destacar as zonas de Miño de Ourense e Valdeorras con nivel laranxa por temperaturas máximas superiores aos 39ºC.

Para o luns, agárdase un lixeiro descenso das temperaturas. Seguirá sendo unha xornada de calor, pero sen acadar os valores extremos da fin de semana.

Recomendacións

Sanidade quere, así mesmo, facer chegar á cidadanía unha serie de consellos que poderán ser moi útiles para estes días de calor. Beberase máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té e as moi azucradas. Así mesmo, comeranse verduras e froitas e evitaranse as comidas copiosas.

Respecto da vestimenta, Sanidade recomenda usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.

No interior dos edificios permanecerase, a ser posible, en espazos ventilados ou acondicionados, e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, poderán utilizarse ventiladores. Nos momentos de calor máis intensa refrescarase o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado.

No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a persoas maiores, nin a ningún animal de compaña.

Así mesmo, convén non ir á praia nas horas de máxima calor (mediodía e as primeiras da tarde). Asemade, Sanidade sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as de maior protección posible, e nunca inferior a quince.

Recorde que, si ten parentes ou veciños que vivan sos, é conveniente facerlles un seguimento especial estes días, co fin de comprobar que adoitan as medidas recomendadas e o seu estado de saúde é o habitual.

Alto nivel de ozono

Durante a fin de semana espéranse altos niveis de ozono coincidindo coas elevadas temperaturas. Ademais, isto coincide cun episodio de intrusión de masas de po africano.

No caso de que o nivel de concentración de ozono en aire ambiente sexa superior a 180 µg/m³, recoméndase como precaucións sanitarias para reducir as afeccións que as persoas sensibles, é dicir nenos, anciáns, nais xestantes e persoas con enfermidades respiratorias (asma, EPOC, alerxias e outras) reduzan a exposición prolongada evitando as actividades ao aire libre.

En xeral recoméndase que todas as persoas limiten as actividades ao aire libre de forma prolongada, evitando os exercicios deportivos durante as horas do mediodía e da tarde.

Anuncios