O Concello de Nigrán recibiu onte un escrito por parte do comité de traballadores de Cespa de convocatoria de folga indefinida no servizo de recollida de residuos, limpeza viaria e de praias no municipio a partires do 12 de febreiro. O conflito laboral, de carácter interno, céntrase principalmente no cambio de quendas realizado dende a concesionaria unilateralmente coa conseguinte redución salarial aos traballadores. Así, a empresa comunicou o 15 de xaneiro ao seu persoal, e onte ao Concello, que dende o 1 de febreiro o servizo de recollida con camión de carga traseira pasaría de realizarse en horario nocturno a realizarse en diúrno (de 07:00 a 14:00 horas) para así aforrar o custe de nocturnidade que se lles abona (esta medida en concreto sinalan que afectaría a 3 dos 21 traballadores).
«Estamos xa colaborando na busca dunha solución para evitar unha folga que prexudicaría directamente á nosa veciñanza e, ao mesmo tempo, para que non se rebaixen os dereitos dos traballadores», resume o alcalde, Juan González, quen mantén reunións dende a semana pasada cos representantes sindicais e da empresa, aos que pide «responsabilidade á hora de negociar». «Reunirémonos tantas veces como sexa preciso co obxectivo de que se alcance un acordo; dende o Concello confiamos en que non se chegue á folga».
O goberno de Nigrán manifesta o seu apoio aos traballadores ante a rebaixa salarial que supón o cambio de quenda. «Dende o Concello non podemos apoiar ningunha medida que supoña unha diminución nos dereitos laborais do persoal», finaliza González.

