Anuncios
Ticker de novas

O alpinista Roberto López pecha o Ciclo de Conferencias sobre Saúde e Benestar en Baiona

FOTO: CONCELLO DE BAIONA

O Auditorio da Casa-Museo da Navegación acollerá este venres 16 de xuño ás 19:30 horas, con entrada libre e gratuíta, a derradeira charla do II Ciclo de Conferencias sobre Saúde e Benestar organizado polo Concello de Baiona.

Co título “Que debes facer para alcanzar os teus retos”, o alpinista e coach deportivo Roberto López falará de “compromiso, valentía, aventura, empatía, capacidade de sacrificio, constancia, motivación, sensibilidade… e así ata centos de maneiras de afrontar a vida e as nosas relacións persoais”. Roberto López vive a vida con paixón, a mesma que traslada ao relatar as súas experiencias, unha forma de vida, afán de superación e de compromiso para alcanzar novos retos.

Trátase da derradeira conferencia dun ciclo organizado pola Concellería de Benestar que foi aberto en xaneiro polo naturópata vigués Javier Akerman no Parador de Turismo Conde de Gondomar. En febreiro foi a nutricionista Gloria Pérez quen falou, xa no Museo da Navegación, sobre “A medicina do amor para alcanzar o benestar” e, en marzo, o enfermeiro e fisioterapeuta Moisés López charlou sobre “Exercicio e Saúde. Vinculados con sentido común”. O pasado mes de abril e co título “Reeduca os teus sentidos, consegue os teus obxectivos”, María Jesús Alfonso (coach, psicoterapeuta e experta en programación neurolingüística) presentou as estratexias para afrontar o día a día.

Anuncios