Os Bolechas, anfitrións na inauguración da Biblioteca de Baiona

Os personaxes máis famosos da literatura infantil galega, os seis irmáns Bolechas e o seu can, serán os encargados de levar a cabo o primeiro espectáculo infantil o día da inauguración do rehabilitado edificio Sancti Spiritus que alberga a Biblioteca Municipal da Vila, o vindeiro sábado 7 de xullo. A inauguración oficial terá lugar ás 11:00 e a función dos Bolechas será ás 12:30.

A Concellería de Cultura quere que os máis pequenos do municipio teñan protagonismo o día da inauguración dun edificio tan importante para todos os cidadáns, e os nenos e nenas baioneses non podían quedar á marxe da celebración. Hai que inculcar e fomentar nos infantes o hábito e o pracer da lectura, a aprendizaxe e a utilización das bibliotecas ao longo de toda a súa vida e isto téñeno claro en Baiona.

Durante a función, que ten por título “Os Bolechas, o amigo monte”, unha vez máis a simpática familia bota man dunha proposta divertida que ten, á súa vez, un compoñente didáctico moi vinculado á nosa comunidade e aos intereses que defende sempre a popular familia, neste caso o medioambiente. Para iso profúndase na necesidade de manter unha contorna natural coidado e en boas condicións incidindo nas principais medidas a tomar para evitar os graves problemas que ameazan o noso medio actualmente.

De maneira transversal, como é habitual, trataranse cuestións moi próximas a esta, como é o traballo en equipo, a colaboración, fomento de prácticas saudables e, por suposto, habilidades lingüísticas en galego, de forma que o idioma sexa o eixo a través do que se configura todo o universo de diversión que levan aparelladas as iniciativas dos Bolechas.

O espectáculo mestura o formato de monicreques manipulados por actores á vista con actores reais. Aínda que os verdadeiros protagonistas da historia son, como é habitual, as nenas e nenos que participan na actividade, especialmente pensada para estudantes de educación infantil e primaria.

A actividade está organizada polo programa de promoción do galego bautizado como FalaRedes, que a Secretaría Xeral de Política Lingüística leva adiante en concellos incluídos na Rede de Dinamización Lingüística (RDL). A entrada é gratuíta ata completar aforamento.

Anuncios