Anuncios
Ticker de novas

A Deputación contratará neste 2017 actuacións en estradas provinciais por máis de 22 millóns de euros

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra presentou hoxe un paquete de actuacións en 29 estradas provinciais que xa está listo para contratar e iniciar neste ano cun investimento que supera os 22 millóns de euros. Estas actuacións están incluídas dentro da Estratexia de Mobilidade 3.0, que a institución provincial está a aplicar na rede de estradas provinciais cos criterios de seguridade, sustentabilidade, inclusión e participación, e que terá continuidade nos vindeiros anos nos concellos da provincia.

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez, encargado de dar a coñecer o plan bianual e a Estratexia 3.0, manifestou que esta planificación“é un reto” que marcará unha clara diferenza con respecto ao anterior goberno provincial. “Tivemos unha herdanza envelenada a golpe de intereses partidistas, mocións de censura… Non había un criterio técnico para utilizar os cartos públicos nas estradas provinciais”, subliñou, para indicar que dende a toma de posesión, o novo goberno xa marcou un “cambio de sentido claro”. En xaneiro de 2016 -lembrou- aprobouse o novo decálogo de criterios de actuacións nas vías provinciais que fixou un cambio de concepto: o eixo fundamental é priorizar aos colectivos máis vulnerables, coas persoas sempre no centro dos proxectos.

Para poñer en marcha as infraestruturas que se iniciarán este ano 2017, segundo explicou Benítez, púxose en marcha un proceso de participación no que os representantes do departamento de Mobilidade se reuniron con 52 alcaldes (o 84% dos concellos da provincia) e realizaron múltiples visitas sobre o terreo ás estradas provinciais. De aí, resultaron máis de 200 solicitudes e demandas de obras singulares que se foron priorizando en función do seu potencial de conectividade, seguridade, viabilidade e poboación. “Entendemos que os cartos públicos deben investirse para conectar equipamentos, buscar a seguranza viaria, en execución a curto ou medio prazo e que non corran o risco de atrancos,co obxectivo de que as obras sexan necesarias para o uso da veciñanza”, subliñou o deputado.

Estratexia 3.0

Recollendo esas ideas desenvolveuse a Estratexia 3.0, baseada nos criterios de seguridade, sustentabilidade, inclusión e participación nas que prima, no primeiro apartado, a adaptación á normativa, o calmado de tráfico e a convivencia das mobilidades, así como o mantemento do viario. No segundo punto apóstase pola mellora do medio ambiente urbano, por unha estratexia de economía baixa en carbono e polo fomento da mobilidade sustentable co asesoramento aos concellos. A mobilidade inclusiva pretende desenvolver a accesibilidade universal, unha liña de camiños escolares seguros e apostar pola participación e acción dentro da Rede de Cidades das nenas e os nenos e, finalmente, en relación coa participación, é fundamental o traballo interadministrativo e a colaboración institucional, a participación social e a formación e colaboración con axentes investigadores.

“Dentro da Estratexia Mobilidade 3.0 as actuación anunciadas hoxe supoñen 22 millóns de euros en obras que se iniciarán este ano con carácter inmediato. Fronte a outros que din que non investimos nas estradas provinciais e que non se fai nada, estes 22 millóns de euros son unha realidade que se executará con fondos propios en exclusiva e tamén con convenios e cofinanciamento cos concellos”, subliñou Benítez.

O deputado tamén aclarou que neste plan 2017-2019 non se contemplan algunhas das obras nas que os técnicos provinciais tamén están a traballar e sobre as que faltan algúns matices por resolver, como o caso de Campelo ou Moaña. “Esas estradas seguramente poidan estar executándose este ano ou a principios do próximo: están na nosa planificación. Temos unha planificación a 2020 con todas as peticións que nos fixeron os alcaldes, pero as actuacións que presentamos hoxe son as que salvo por causa de forza maior iniciaremos de xeito inminente. Van vir outras que tamén serán realidade no futuro próximo”, finalizou.

Así, nestes momentos están en fase de contratación cinco proxectos de mellora de interseccións, o acceso a Príncipe Felipe, e outros seis proxectos de rehabilitacións estruturais de firme, así como -en diferentes estados de tramitación- 14 proxectos de mellora de medio ambiente urbano e calidade de vida (os de Tui, Tomiño, Baiona, O Grove e Mos irán á Xunta de Goberno deste venres), dous grandes proxectos de novos viais de conexión e outro de accesibilidade. Todos eles (29) distribúense entre 20 concellos da provincia.

A estas actuacións singulares hai que engadir os Plans Móvese e o de Sinalización Horizontal (que suman uns 5,5 millóns de euros), así como outras moitas actuacións menores.

Decisións “rigorosas e serias”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, subliñou que o plan vai cubrir a totalidade de comarcas da provincia “con decisións rigorosas e serias contando con todos os concellos e actuando en toda a provincia cunha forma distinta sen ter en conta as cores políticas pero si cunha estratexia clara e global de acción nas infraestruturas da provincia”.

Silva incidiu en que se trata dun modelo distinto de actuación nas estradas provinciais “que se concreta nunha Estratexia de Mobilidade 3.0 que pensa, por riba de todo, nas persoas, e que ten claramente deseñadas os tipos de accións”. A presidenta recordou que o novo goberno provincial conta cun modelo claro de actuación nas vías provincias “ e non como ate de agora que so respondía ás demandas dalgúns”.O compromiso é claro do goberno provincial, recordou a presidenta, de máximo respecto á autonomía local pero de consenso cos concellos dentro dos criterios obxectivos que temos fixados na nosa estratexia, “pero sempre as actuacións responden as solicitudes dos propios concellos”.

Proxectos “en cascada”

Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera, fixo fincapé no traballo realizado polos traballadores e técnicos provinciais para resolver os problemas e deficiencias dos proxectos herdados do goberno anterior e definir unha nova estratexia de mobilidade. “Foi un traballo durísimo, xordo, e ás veces aguantando críticas totalmente inxustas dos mesmos que funcionaban de xeito absolutamente irregular, por tildalo de maneira suave, aguantando cun obxectivo moi claro que é sacar adiante un novo modelo de mobilidade e unha nova maneira de funcionar. Podemos dicir que as actuacións desta casa nas estradas provinciais cambiaron radicalmente e para sempre. O anterior era realmente inaguantable e insostible. Esa fase está superada para ben”, subliñou.

Nestes momentos, indicou, “unha vez chegados ao Turmalet, que non foi fácil, todo irá a favor da corrente, costa abaixo. Pasamos xa ese muro tremendo que parecía inacabable e que non dabamos rematado de ir corrixindo defectos e problemas que había, e comezamos a costa abaixo: os proxectos para executar irán en cascada”, asegurou.

ESTRATEXIA 3.0

Anuncios