As bibliotecas de Nigrán e Baiona uniranse ao sistema integrado de xestión bibliotecaria

O pasado 19 de maio asinouse un convenio de colaboración para a integración de 70 bibliotecas e axencias de lectura municipais no catálogo colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Trátase dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Esta actuación enmárcase na Axenda Dixital de Galicia 2020, que ten definida unha liña específica de actuación para facilitar a accesibilidade dixital ao patrimonio cultural galego, así como no Plan de Software Libre 2017, recentemente publicado. Esta actuación conta cun investimento de 1,1 millóns de euros no período 2016-2018, cofinanciados con fondos FEDER, para o desenvolvemento e implantación do sistema, a dotación de equipamento tecnolóxico e ampliación dos servizos aos usuarios.

Un proceso de integración progresiva

Estes traballos están a ser desenvolvidos polo departamento de Cultura da Xunta de Galicia e mais a Amtega para implantar na Rede de Bibliotecas de Galicia un novo sistema integrado de xestión bibliotecaria, Kohabib, baseado no software libre Koha, que abre as portas da integración de todas as bibliotecas públicas de Galicia nun contorno unificado; un contorno único tanto para o traballo dos técnicos das bibliotecas como para a consulta dos catálogos das bibliotecas de Galicia para calquera usuario ou usuaria.

Na primeira fase deste proceso de integración, iniciada en 2016, incorporáronse ao catálogo colectivo un total de 43 bibliotecas e agora iníciase unha segunda fase na que, durante os próximos meses, se integrarán un total de 70 bibliotecas e axencias de lectura municipais que na actualidade contan con diferentes programas de xestión, entre as que se atopan as de Nigrán e Baiona. Trátase, en palabras do conselleiro de Cultura, dun proceso de “integración progresiva das preto de 370 bibliotecas que conforman a rede”. Nunha seguinte fase irase completando a incorporación das restantes bibliotecas da rede e abordase tamén a integración das bibliotecas dos centros públicos escolares.

Carné único para os usuarios

O novo sistema de xestión bibliotecaria permite mellorar o servizo para os usuarios e as usuarias de cada biblioteca e da Rede en xeral ao crearse un catálogo único, accesible a través da web https://rbgalicia.xunta.gal. Pero ademais, os usuarios terán un carné único de bibliotecas que dá acceso aos servizos de todas as bibliotecas públicas integradas, unha iniciativa que, segundo salientou Román Rodríguez, “é un exemplo máis do esforzo da innovación e mellora tecnolóxica das bibliotecas públicas galegas”. Así mesmo, con este sistema tamén se logra homoxeneizar e simplificar a catalogación das coleccións e, en definitiva, camíñase cara ao funcionamento común dos centros integrados na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, así como cara á mellora do servizo para os usuarios.

Sistema moderno, eficiente e accesible

A integración no catálogo colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia supón impulsar un sistema bibliotecario máis desenvolvido e moderno, permite que a cidadanía poida acceder aos servizos de todas as bibliotecas públicas da rede, mellora a visibilidade dos fondos dos centros -posto que se pode consultar a través dunha páxina única en liña en que a biblioteca está o documento que busca e reservalo-, e favorece unha xestión máis eficiente dos recursos dispoñibles grazas á integración de datos.

Anuncios