Anuncios
Ticker de novas

O TSXG confirma a suspensión do funcionamento da área metropolitana de Vigo

Constitución da Área Metropolitana de Vigo.

A Sección Segunda da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG confirmou a suspensión do funcionamento da área metropolitana de Vigo e de todos os órganos que a compoñen, así como “da eficacia dos seus actos”. A sala desestimou, por tanto, os recursos de apelación interpostos polos concellos do Porriño, Moaña, Vigo, Nigrán, Salceda de Caselas, Cangas e Gondomar contra o auto emitido o 5 de abril de 2017 polo Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Vigo. Contra o fallo cabe presentar recurso de casación.

O tribunal incide na resolución en que o “perigo inherente á non adopción da medida de suspensión” solicitada pola Xunta é que o “efecto útil” da posterior sentenza se vería “seriamente debilitado” porque a situación que pretendía evitar a demandante, é dicir, o comezo do funcionamento da área metropolitana de Vigo antes da integración efectiva do transporte urbano no Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, “xa se materializou e mantívose durante todo o tempo de tramitación deste procedemento xudicial ata o ditado da sentenza”.

Os maxistrados sinalan que, se se permitise que a área metropolitana operase, consentiríase “o exercicio de competencias administrativas con transcendencia para terceiros sen a certeza da legalidade do proceso de constitución da administración que estaría a exercer esas competencias, con grave risco para os principios de seguridade xurídica e de confianza lexítima dos cidadáns na regularidade da constitución das entidades e órganos administrativos cos que se relacionan”.

“Sería dificilmente comprensible que non se tutelase polo órgano xudicial a preservación destes principios esenciais e non se suspendese preventivamente o funcionamento dunha entidade administrativa recentemente constituída cando se recorren todos os acordos da súa sesión constitutiva e cando está en cuestión mesmo a procedencia legal de que tal entidade puidese entrar en funcionamento nese momento ou mesmo na data de hoxe”, indica o TSXG.

Anuncios