Anuncios
Ticker de novas

Alberto Meira ultima a preparación do Rali de Narón, cuarta cita do Galego

Alberto Meira e o seu copiloto José Murado afrontan este fin de semana a cuarta carreira da tempada no Campionato Galego de Ralis, en cuxa clasificación xeral ocupan actualmente a segunda posición. Trátase do Rali Cidade de Narón, que puntúa con coeficiente máximo e que por tanto representa unha ocasión excelente para sumar valiosos puntos nun certame onde o piloto de Vincios tentará revalidar o seu título autonómico.

De fronte ao fin de semana, a predición meteorolóxica vaticina altas temperaturas e Meira cre que pode ser un factor importante: “En principio é algo que podería prexudicar ao rendemento dos motores turbo, pero en todo caso tamén afectará negativamente os coches dos meus principais rivais, que son Senra e Caamaño. En canto á elección de pneumáticos, en principio os compostos duros serían a opción lóxica. Tamén hai que ter en conta que os tramos adoitan ter moitas zonas arborizadas e sombrías, polo que non hai que descartar que á primeira hora da mañá poidan haber algunhas humidades no asfalto”.

Meira ten un curioso récord no Rali de Narón: Gañouno en tres ocasións e en cada unha delas fíxoo cun copiloto diferente. En 2010 acompañáballe Álvaro Bañobre, en 2015 correu con Javier Varela, e en 2016 era David Vázquez o que estaba sentado á súa dereita.

Anuncios