Iván Roade sóbese ao máis alto do podio por partida dobre

FOTO: DIFUSION PROSPORT // Iván Roade cruzando a liña de meta na Carreira Nocturna "Correndo por Vigo".

Dobre triunfo para Iván Roade Lago este fin de semana. O sábado gañou a V Carreira Popular Nocturna “Correndo por Vigo”, organizada polo Club Deportes Carlos Miguel xunto co Mercado das Travesas e a Asociación de Comerciantes das Travesas (AETRAVI), coa colaboración do Concello de Vigo e o soporte técnico de Running Solutions, pertencente ao circuíto de carreiras populares Run Run Vigo.

O atleta nigranés do CA Bikila completou o percorrido de 10 km. pola contorna da Avenida da Florida e a Avenida Castelao nun tempo de 32:05. Xusto un minuto despois cruzaba a liña de meta en segundo lugar o seu compañeiro de equipo Daniel Bargiela Araújo (33:05), e pechando o podio en terceira posición, Elías Salvador Domínguez Cabral, do Barceló Team, finalizando as dúas voltas ao circuíto de 5 km. en 33:06.

En categoría feminina impúxose Ester Navarrete Santana do ADAS-Proinor (36:41). O segundo posto foi para Ana Alonso Gullón do CSCR Beade (40:50) e o terceiro para Alba Ballesteros Fernández do Lóstregos Coia (44:38).

A proba absoluta contou coa participación de case 800 atletas.

Xa o domingo, Iván volveu subir ao máis alto do podio na VI Eurocidade10, organizada polo Club Atletismo Tui-Thermalia conxuntamente co Concello de Tui e a Cámara de Valença, unha proba internacional de 10 km. entre Galicia e Portugal, que tivo saída e chegada en Valença e percorreu as rúas de Valença do Minho e Tui pasando pola Ponte Internacional do Río Miño.

Nesta ocasión, o atleta de Nigrán finalizou cun tempo de 33:09, a máis dun minuto do segundo clasificado, Akka Essaadaoui, do SG Pontevedra, que cruzou a liña de meta cun tempo de 34:21. Luis Silva Sa, do Boavista FC, ocupou a terceira praza do podio cun tempo de 37:26.

Na categoría feminina gañou Ana María Ocampo Sanmamed do Burgas Atletismo Ourense (40:54). Águeda Ofelia Branco Pérez do Comesaña Sporting Club foi segunda (42:05) e Paula Figueroa Salgado terceira (45:19).

Máis de 200 atletas tomaron a saída nesta proba.

Anuncios