Anuncios
Ticker de novas

Rotundo éxito nas redes sociais do Atlántico Express, o evento promocional dos #RiasBaixasFests

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Presidenta provincial, Carmela Silva, cualificou de “éxito sen precedentes” a actuación promocional “Atlántico Express”, “o evento a través do cal unimos Rías Baixas coa cidade de Porto acompañados de boa música, produtos gastronómicos e, influencers, bloggers, instagramers e medios de comunicación”.

Máis polo miúdo, Carmela Silva deu a coñecer datos relativos aos resultados das redes sociais Twitter e Instagram. Ao respecto, a Presidenta indicou que “as etiquetas #AtlanticoExpress e #RiasBaixasFests tiveron unha audiencia total en Twitter de 1,3 millóns de persoas e se contabilizaron máis de 6,7 millóns de impresións”.

En canto a Instagram, Carmela Silva subliñou que“as persoas que participaron no Atlántico Express, con máis de 200.000 seguidores, colgaron máis dun centenar de fotografías que obtiveron máis de 120.000 visualizacións, o que manifesta o éxito acadado con esta actuación”.

Este ano os #RíasBaixasFests, que forman parte dos eixos de promoción turística da provincia de Pontevedra e están dando a coñecer unha imaxe diferente do territorio, congregan a 8 +1 festivais que teñen lugar ao longo do verán. O primeiro deles, AtlanticFest, comezará o vindeiro 30 de xuño na Illa de Arousa e pecharanse en Cambados, en setembro, con motivo do nomeamento da vila como Cidade Europea do Viño.

A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar o patrocinio do festival “PortAmérica” que terá lugar en Caldas de Reis os días 13 e 14 de xullo. Carmela Silva informou que “este ano o festival, integrado nos #RíasBaixasFests 8+1, unha das nosas señas de identidade turística desde que comezamos a xestionar o goberno provincial, recibirá 85.000 € da Deputación de Pontevedra”.

Anuncios