Nigrán celebra a semana do medio ambiente cunha exposición e o documental “Blood in the mobile”

O Concello de Nigrán celebra mañá xoves 8 de xuño a semana mundial do medio ambiente coa inauguración no Auditorio Municipal ás 18.00 horas da exposición “La Crisis Ambiental” e posterior proxección ás 20.00 horas do documental danés “Blood in the mobile”. O Concello súmase deste xeito, e un ano máis, aos miles de actos en todo o planeta dedicados a chamar a atención sobre a importancia de coidar a nosa contorna natural.

Así, a mostra expón a través dunha decena de paneis conceptos como a «pegada ecolóxica» e a «débeda ecolóxica». No primeiro caso trátase dun indicador do impacto ambiental xerado pola demanda humana que se fai dos recursos existentes nos ecosistemas do planeta, relacionándoa coa capacidade da Terra de rexenerar os seus recursos. No segundo, a «débeda ecolóxica», fai referencia á obriga e responsabilidade que teñen os países industrializados do norte cos países do terceiro mundo polo saqueo e usufruto dos seus bens naturais como petróleo, minerais, bosques, biodiversidade, coñecementos, bens mariños e polo uso ilexítimo da atmosfera e os océanos. Na mostra, ademais de estudar estes conceptos, póñense exemplos concretos ao respecto (como o caso da comercialización da perca do Nilo) e se traslada o seu impacto global a España.

Pola súa banda, o documental danés “Blood in the mobile” (“Sangue no móbil”) pon o foco na débeda ecolóxica abordando o conflito da extracción ilegal de coltán no Congo, mineral empregado fundamentalmente na construción de aparellos electrónicos como os móbiles e do que este país centroafricano é o primeiro produtor mundial. Sen embargo, o negocio do coltán, en lugar de ser unha fonte de riqueza para o país, a miúdo beneficia aos grupos armados que controlan as minas, onde é cotiá o traballo forzado e a explotación infantil. Así, a pesar de que a República Democrática do Congo ten unha das reservas de coltán máis ricas do mundo, queda moi á marxe do nivel de desenvolvemento dos países occidentais: en España a combinación de teléfonos fixos e móbiles excede os 150 teléfonos por cada 100 persoas; na R.D. do Congo polo mesmo número de persoas só hai 48.