Las Bistecs, Joe Crepúsculo, Viva Suecia e Basanta, primeiras confirmacións oficiais de “Vive Nigrán”

A primeira edición do festival “Vive Nigrán”, que se celebrará no antigo campo de fútbol de Lourido, en Praia América, o 26 e 27 de agosto, presentou hoxe o seu cartel con algunhas das propostas máis emerxentes do panorama nacional independente: Las Bistecs, Joe Crepúsculo, Viva Suecia e Basanta. Estas son as primeiras confirmacións oficiais do “pícnic-pop festival” organizado entre Concello de Nigrán e La 10ª Planta e que está incluído no circuíto “Festivais Rías Baixas 8+1” patrocinado pola Deputación de Pontevedra e que conta ademais coa colaboración e patrocinio da cervexeira Mahou.

“Vive Nigrán” dará a benvida en pleno verán a un novo evento que culminará ao grande a programación estival no municipio e que porá ao mesmo tempo o broche final ao circuíto de Festivais Rías Baixas. Para isto, a proposta é transversal e vai máis alá dos concertos en directo a pé de praia. Así, configuráronse unha serie de experiencias que permitirán ao visitante vivir Nigrán no sentido máis amplo do termo: terán á súa disposición desde xogos ao aire libre ata unha gran oferta culinaria a cargo de foodtrucks, un market, sesións Dj, obradoiros, charlas… Unha serie de actividades que debuxan un “pícnic pop festival” de cultura creativa; unha filosofía e un estilo de vida para gozar intensamente Nigrán desde a mañá ata a noite en compañía de familia ou amizades. E todo iso nun espazo máxico e co que mantén un compromiso de emprazamento: fronte ao Atlántico, co perfil das illas Cíes ao fondo, nun extremo de Praia América-Lourido (un areal dos máis aplaudidos de todo o litoral galego pola súa extensión, area fina e de augas case transparentes)e a pé da marabillosa península de Monte Lourido. Unha contorna espectacular situada no sendeiro azul que une A Ramallosa e Panxón, nunha das postais máis fermosas de Nigrán e que mereceu un ano máis o recoñecemento de ADEAC pola recuperación do ecosistema dunar, do espazo e a súa convivencia co ocio e turismo sostible.

«O obxectivo de Vive Nigrán é converterse durante unha fin de semana nun referente para os afeccionados á música en directo no territorio galego e todo isto nun espazo natural único que forma parte intrínseca do evento», resume Juan Rivas, promotor de La 10ª Planta.

“O festival significa unha aposta máis do Concello de Nigrán para proxectar ao exterior a mellor imaxe do municipio, como xa facemos co Nigranjazz no marabilloso espazo de A Foz, e tamén para ofrecerlle aos nosos veciños e turistas unha proposta de ocio de calidade pensada para todos os públicos”, subliñou o alcalde, Juan González, durante a presentación de hoxe.
As primeiras cen entradas “bono especial dous días” saen á venda mañá por 10 euros en http://www.ticketea.com/entradas-festival-vive-nigran. Máis información na web oficial do festival http://www.vivenigran.com.

LAS BISTECS

Alba Rihe e Carla Moreno son o máximo expoñente do Electro-disgusting. E como nos vai a marcha, e sobre todo, non nos molan nada os desgustos, son a nosa fichaxe estrela para a primeira edición de Vive Nigrán. Tal e como elas mesmas o definen, o Electro-disgusting é unha corrente artística, perfománticomusical que consiste en molestar e non deixar indiferente a unha sociedade saturada de información. O dueto catalán presenta unhas letras, unhas coreografías e unha imaxe que removen as tripas dun mundo musical frecuentemente estereotipado e ábrense paso como a alternativa máis aditiva e punzante do momento.

Cunha posta en escena que inclúe a improvisación, o erro e moita actitude, Las Bistecs están a revolucionar a escena musical e arrasan por onde pasan. O seu disco Oferta (Miseria Producciones, 2016) constrúese a partir do beat, co que fan mover a todo o mundo que as escoite, e compleméntase cunhas letras baseadas no humor que retratan experiencias vividas en primeira persoa, realidades sociais dignas dunha ditadura que aínda perduran e un surrealismo persoal líquido. Consideradas como fillas do século XXI, non hai ningún elemento en Las Bistecs que provoque indiferenza.

VIVA SUECIA

Cun sold out baixo o brazo na sala Ocho y Medio en Madrid, pode dicirse que Viva Suecia despegou definitivamente. Despois de ser fichados en numerosos festivais, e cunha traxectoria fulgurante que os converteu no grupo de maior crecemento de 2017, estes murcianos imparables farán parada en Nigrán para delicia dunha chea de fans.

Temos moitas ganas de escoitar en directo os temas do seu segundo álbum, así como os éxitos do primeiro: na súa curta traxectoria (o grupo aínda non cumpriu os 3 anos) contan cun bo número de hits incontestables que o público xa elevou á categoría de himnos, como o inesquecible A dónde ir, ou os aclamados La Estrella de David, El nudo y la esperanza ou Hemos ganado tiempo. Non podedes perder a garra do seu contundente directo, ás veces rabioso, ás veces emotivo e sempre emocionante.

JOE CREPÚSCULO

Este é un artista que nos fascina e tennos en vilo con esa imaxe tan persoal. Como preferimos vivilo a que nolo conten, decidimos fichalo para ver cos nosos propios ollos o que pasa nos seus concertos e deixarnos levar por esa enerxía cósmica. Herdeiro do pop máis marchoso, da estirpe dos mellores Astrud, Hidrogenesse, Fangoria ou La Casa Azul, as abas do Monte Lourido xunto ao mar semellan o marco ideal para verlle ondear a súa cabeleira ao vento.

La Verdad é o primeiro single de Nuevos Misterios, sétimo disco de Joe Crepúsculo, que ten prevista a súa publicación o mes de abril. Producido por el mesmo e cun amplo abano de músicos e amigos participando no álbum, nesta canción conta coa colaboración de La Prohibida e Supremme de Luxe cantando os refráns e Tomasito ás palmas. Volve o crepus máis bailongo cunha canción para todas as pistas discotequeiras e o verán máis tolo.

BASANTA

A nosa aposta local é o fantástico proxecto de Roi Basanta, que queremos apoiar desde os seus inicios. Deixámosvos coa súa nota de promo:

No solsticio de verán os membros de Basanta gozaron dun atardecer máxico, brindaron con viño, cantaron cancións esquecidas, brillaron o pop e as fadas. Tal foi a experiencia e a revelación daquel día que decidiron montar unha banda que dese voz á natureza. Basanta transpórtanos coa súa música a un imaxinario rico en mellotrones, afinacións abertas, fuzzs setenteiros, harmonías beatlenianas e ritmos frescos e actuais.

Os seus membros (Sol, Xofre, Sal, Terra e A Santa) forman algo máis que unha banda: unha tribo que se expresa a través das melodías que atopan o seu lugar nun equilibrio perfecto entre luz e escuridade. Cheas de trazos coloridos, forman un marco cromestésico para unhas letras que nos guían no seu ritual en cada concerto. Os cinco músicos que forman Basanta, ocultos tras unhas intrigantes máscaras, van dando forma a un lisérxico universo ao que é moi tentador entrar e do que é difícil saír.