Anuncios
Ticker de novas

A DXT inicia o luns unha campaña especial de vixilancia de consumo de alcol e drogas

FOTO: DGT

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) poñerá en marcha desde o vindeiro luns, día 5 de xuño, unha campaña especial de control sobre a taxa de alcoholemia e consumo de drogas que se estenderá ata o vindeiro domingo día 11.

Durante toda a semana, axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán os controis deste tipo a condutores nas vías galegas. Igualmente, potenciarase a colaboración cos concellos para realizar controis en zonas urbanas, con especial incidencia nas zonas de lecer nocturno.

A Delegación do Goberno lembra que o alcol é un factor concorrente ou determinante nun terzo dos accidentes de circulación con vítimas mortais. A súa presenza na condución, dependendo da súa taxa, multiplica entre 2 e 15 veces os riscos de sufrir un sinistro e constitúe un factor agravante das súas consecuencias.

No ano 2015, as análises toxicolóxicas realizadas a 638 condutores falecidos en accidentes de tráfico de toda España revelaron que un 43% deles presentaban unha taxa de alcol etílico en sangue superior a 0,3 g/l, unha porcentaxe que ascendía ata o 46% no caso de peóns falecidos pola mesma causa. E é que o peón, como usuario máis débil da vía, necesita tamén estar en pleno uso das súas facultades físicas e mentais para non correr riscos. Menor percepción ou percepción equivocada da súa contorna, perda de visión, maior asunción de riscos, son consecuencias que se derivan da inxesta de alcol, aumentado a posibilidade de sufrir un atropelo.

CAMBIO DE HÁBITOS

A DXT detectou un cambio no comportamento dos cidadáns que supuxo un descenso significativo dos positivos detectados en controis de alcoholemia no último decenio. En España pasouse da 5,1% inicial ao 1,6% dez anos despois. Con todo, esta evolución non significa que se eliminou o risco. O propósito da DXT é baixar do 1% os positivos nos controis preventivos, tal e como se fixou ao deseñar a Estratexia de Seguridade Viaria para o decenio 2011-2020.

O obxectivo, tanto desta nova campaña especial como dos controis ordinarios, é proseguir nesta liña descendente. A única taxa segura é o 0,0%, pois aínda que nos creamos en pleno uso das nosas facultades físicas e mentais, coa inxesta de alcol estamos a multiplicar o risco de sufrir un accidente.

Á parte do alcol, evidenciouse que a presenza de drogas no organismo afecta as capacidades para unha condución segura, polo que o consumo de sustancias psicoactivas será tamén obxecto de control nesta campaña especial.

RESULTADOS DE CAMPAÑA ANTERIOR

Na campaña equivalente desenvolvida en xuño do ano pasado realizáronse un total de 14.700 probas de alcoholemia e 285 de drogas na rede viaria galega, resultando positivos 205 en alcol e 132 en drogas.

Anuncios