Denuncian o uso de entullos de obra na remodelación do parque da Coelleira

FOTO: GONDOMAR CONCELLO ABERTO

A semana pasada comezaron as obras de remodelación do parque da Coelleira, con cargo ao Plan Concellos 2016. Despois da arrancar as sebes que separaban o paseo do parque da Coelleira e retirar os muros de pedra, procedeuse a realizar os noiros que van substituír todos os muros.

Segundo denuncia Gondomar Concello Aberto, no que está pegado ao paseo está feito con entullos e cascallos de obra, “algo totalmente prohibido pola normativa, salvo en determinadas casos e con condicións pautadas”, sinala o seu voceiro, Pauliño del Río.

Dende CABE pregúntanse se existe un control por parte do Goberno Municipal das obras que se están a realizar e se teñen comprobado, entre outras cousas, a trazabilidade do material con cal se están a realizar os noiros, se son os materiais adecuados ou os que estaban contemplados no proxecto da obra que se adxudicou. Son estes residuos inertes?. Cumpríronse os requisitos e permisos pertinentes por parte do órgano competente en materia medioambiental?. Esta operación está realizada por un xestor de residuos sometido a autorización administrativa de valorización de residuos?. Tivo en conta o goberno municipal que ao lado deste noiro feito de entullos e cascallos de obra está un parque infantil?.

O Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto preguntará por este tema no próximo Pleno ordinario que se celebrará este xoves día 1 de xuño ás 20:00 horas no Auditorio Lois Tobío.

ENTULLOS DE OBRA NO PARQUE DA COELLEIRA
FOTO: GONDOMAR CONCELLO ABERTO