O Partido Popular de Nigrán, a través da súa portavoz municipal María José Pino, quere poñer de manifesto, “ante os infundios difundidos pola corporación socialista”, algúns aspectos craves relativos á actual situación das excursións organizadas desde o Concello de Nigrán:
- Desde o Partido Popular de Nigrán consideramos necesaria unha oferta cultural e de lecer ampla e variada para os nosos veciños e veciñas, polo que todo investimento efectuado neste ámbito contará co apoio do noso grupo municipal. O apoio do Grupo Municipal Popular á realización de excursións é claro e contundente.
- A actual xestión e organización das excursións lanza unha infinidade de sombras e dúbidas, comezando polo criterio de selección dos destinos, o proceso de selección dos asistentes (unicamente tendo en conta a orde de chegada e obviando aspectos clave como a idade, renda, excursións gozadas previamente, etc) ou, sendo este aspecto o máis grave, o método de pago das mesmas, pois actualmente o Concello de Nigrán unicamente acepta o abono en efectivo. Desde o Partido Popular de Nigrán considérase esta última cuestión de suma gravidade, pois dela poden xurdir novas cuestións como a dubidosa legalidade ou a cargo de quen quedaría todo o diñeiro recadado ata a realización da actividade.
- Durante o último Pleno Municipal celebrado o pasado 30 de abril, o Grupo Municipal Popular presentou unha moción de urxencia na que se solicitaba o seguinte: poñer ao dispor dos veciños participantes de futuras excursións unha conta bancaria para realizar o abono das mesmas e facilitar a todos os grupos municipais o rexistro de contabilidade das excursións realizadas no ano 2023.
“Para sorpresa de todos, o Partido Socialista rexeitou incluír a moción de urxencia presentada polo Partido Popular, algo que resulta rechamante, xa que os acordos propostos son de puro sentido común e facilmente realizables”, apunta María José Pino.

