Anuncios
Ticker de novas

A Xunta convoca axudas para dotar ás agrupacións de Protección Civil de equipamentos de emerxencias

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para a adxudicación de equipamentos de emerxencias, en réxime de concorrencia competitiva, a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

A liña de axudas que hoxe sae convocada está destinada para a compra de 10 vehículos todo terreo tipo pick-up, 19 remolques para a atención ás emerxencias, 7 embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate; ademais de 9 baúis de salvamento, cun orzamento de 847.300 euros

O Goberno galego continua coa premisa de dotar ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil de equipamento, o que permitirá mellorar a capacidade de prevención e reducir os tempos de resposta ante riscos e emerxencias derivados dos diferentes sinistros e garantir a seguridade de persoas e bens, así como a protección do ambiente.

Requisitos e prazos

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir de mañá, e as solicitudes presentaranse obrigatoriamente a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta, https://sede.xunta.gal

Poderán ser beneficiarios os concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos que teñan unha AVPC con persoal voluntario operativo e asegurado inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, ter presentado as contas correspondentes ao exercicio orzamentario 2015, no Consello de Contas de Galicia; non ter recibido axudas para o mesmo equipamento nos últimos cinco anos, incluído o 2017.

Ademais, no caso das mancomunidades ou agrupación de concellos, os servizos de emerxencia e protección civil deberán prestarse de xeito mancomunado. A presentación da solicitude de forma conxunta e mancomunada é incompatible coa solicitude individual dos concellos que a compoñen.

Anuncios