Anuncios
Ticker de novas

Gondomar recupera o irmandamento co seu homólogo de Portugal e a Festa da Rosquilla

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Ferreira xunto co Presidente da Cámara Municipal de Gondomar (Portugal), Rosita Cristaleiro e a concelleira de Cultura.

O Concello de Gondomar recupera despois de 27 anos o irmandamento co seu homólogo de Gondomar de Portugal, facéndoo coincidir coa tamén recuperación da Festa da Rosquilla, que non se celebra desde hai 11 anos a pesar de estar declarada festa gastronómica de interese cultural en Galicia.

No evento, que se celebrará o primeiro domingo do mes de xullo, a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, será proclamada a “rosquilleira maior” e o Presidente da Cámara Municipal de Gondomar de Portugal recibirá a insignia de ouro como distinción do pobo de Gondomar (España) ao de Gondomar (Portugal).

Os actos estarán amenizados con grupos folclóricos e culturais de ambos os dous países e concluirá cun picnic no parque da Coelleira.

“Con iso queremos volver recuperar as nosas tradicións e actos significativos, que gobernos dos últimos mandatos desaproveitaron e tiraron pola borda. Temos a obrigación como gobernantes de poñer ao noso Gondomar no mapa e na sociedade e á altura dos grandes pobos, que seguro que, coa recuperación deste tipo de actos e a celebración de tantos outros de interese internacional como a celebración do IV Centenario do Conde de Gondomar conseguirémolo”, aseverou o alcalde Paco Ferreira.

Anuncios