A empresa ADM adquire máis de 5.000 m2 no parque empresarial de Nigrán

FOTO: ZFV // Actuais instalacións de ADM en Porto do Molle.

Durante a reunión de hoxe do Comité Executivo da Zona Franca, presidido por Teresa Pedrosa, formuláronse os estados financeiros correspondentes ao exercicio 2017, así como as consolidadas do grupo empresarial que inclúen, ademais do Consorcio, ás participadas Vigo Activo SCR, Aparcadoiros Subterráneos de Vigo e Citexvi, S.A. Na súa exposición ante os vogais, Pedrosa destacou como feitos máis relevantes do exercicio pasado que o Consorcio aumentou a súa cifra de negocios e arroxou un resultado positivo para poder seguir investindo en Vigo e a súa área de influencia.

Incluíndo vendas de chan en Porto do Molle e ingresos por arrendamentos, esta cifra de negocios foi de 20,2 millóns de euros –un 29% máis respecto ao ano anterior-. Se os ingresos provenientes do recurso financeiro (cantidade achegada polo Estado en función do imposto de sociedades devengado polas empresas instaladas en réxime de zona franca) foi de 20,8 millóns de euros, o volume de investimento realizado na área de Vigo durante ese mesmo exercicio alcanzou a cantidade de 19,4 millóns. Outro aspecto para destacar da formulación destas contas é que o resultado de explotación foi positivo (18,7 millóns de euros) e resultado do exercicio de 20,5 millóns, mantemento do nivel de solvencia nun 92,4%.

Novas naves e venda de chan en Porto do Molle

Os vogais tamén aprobaron no transcurso da súa reunión a venda de dúas parcelas de Porto do Molle, á empresa Asesoramiento Diseño Montajes Industriales de Galicia, S.L (ADM). Pedrosa explicou que esta empresa que agora adquire 5.446 metros cadrados para construír a súa nova planta, desde 2014 está instalada en dúas das naves bioclimáticas do parque onde creceu exponencialmente. A excelente xestión empresarial desta compañía, líder no sector da industria de procesado de peixe, foi destacada o ano pasado polo Financial Times que a situou no posto 32 das mil empresas innovadoras e de alto crecemento de Europa (FT1000 Europe’s Fastet- Growing Companies). Esta industria é especialista en Enxeñería de Procesos e fabrica maquinaria estándar e por encargo cunha actividade que abarca diversos sectores empresariais do procesado de alimentación, así como o transporte dos elementos dentro dunha planta de produción.

Dado que se detectou a demanda empresarial de poder dispoñer en Porto do Molle de naves ao redor duns 300 m2, xunto a talleres duns 150 m2, e dado que das corenta naves bioclimáticas, actualmente están ocupadas trinta e cinco, o Comité Executivo acordou convocar un concurso para a redacción do proxecto básico, de execución e dirección de obra compartida (50%) para a construción de novas naves destes tamaños. O prazo para a prestación do servizo será de tres meses para a redacción do proxecto básico e de execución que sae a concurso aberto cun orzamento base de licitación de 180.000,00 euros, IVE excluído. Estas pequenas naves e talleres, que se comercializarán en réxime de aluguer, resolverán o problema de instalación de moitas pequenas e medianas empresas que non poden acometer o gasto de construír instalacións propias.