Anuncios
Ticker de novas

Baiona propón a María Castro como Premio “Villas Marineras” tras asumir a presidencia

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Ángel Rodal, este sábado, durante o seu discurso en Laredo.

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, converteuse este sábado no novo presidente da Asociación de Villas Marineras nun acto celebrado en Laredo (Cantabria). O rexedor, que asumirá o cargo durante os dous próximos anos, propuxo á actriz María Castro como candidata ao terceiro Premio Villas Marineras.

“Baiona foi un dos municipios fundadores e agora recae sobre nós a tarefa de dirixir a agrupación coas máximas expectativas”, sinalou Rodal durante o seu discurso ante os representantes de Laredo, San Vicente de la Barquera, Llanes e Ribadesella.

O rexedor tamén avanzou que propoñerá a María Castro, artista moi vinculada a Baiona, para a terceira edición do Premio Villas Marineras (anteriormente recibírono os xornalistas Carlos Herrera e Iñaki Gabilondo).

A asociación celebrou este sábado a terceira edición do “Día de Villas Marineras”. Nesta ocasión, a vila anfitrioa foi Laredo, en Cantabria. Este evento, que se celebrou por primeira vez no ano 2014 en Baiona xorde para dar a coñecer ás localidades que forman a agrupación e poñer en valor os seus recursos turísticos, culturais e gastronómicos ademais de afianzar a imaxe a nivel interno nos propios municipios.

A Concellería de Turismo de Baiona coordinou a organización da viaxe para que os veciños de Baiona puidesen desprazarse a Laredo. A marca Villas Marineras naceu da unión de cinco municipios que na década dos noventa foron obxecto de Plans de Excelencia Turística. Así, Laredo, San Vicente de la Barquera, Llanes, Ribadesella e Baiona fundaron o Club de Excelencia Turística da España Verde.

Todas estas vilas son portos de mar cheos de tradición e de patrimonio cultural, artístico e natural. Todas elas comparten clima, gastronomía, paisaxe e un produto turístico de calidade asociado ao mar. Ademais, cada unha delas conta cunha personalidade forte que a diferenza das súas compañeiras, o que dá como resultado unha oferta variada e coherente que se distingue do resto pola súa orixinalidade, diversidade e calidade.

A agrupación segue unha serie de liñas de actuación comúns encamiñadas a desenvolver novos produtos turísticos actuando como unha rede na promoción turística, contribuíndo a reducir a estacionalidade mediante o fomento da demanda en períodos fóra da tempada alta. Así mesmo, perseguen a recuperación e a posta en valor do patrimonio natural, cultural e etnográfico, ademais de dar impulso ao aproveitamento dos recursos marítimos e pesqueiros dos seus portos.

Estes destinos turísticos foron, tradicionalmente, destinos de alta calidade, os preferidos polas familias e os amantes do turismo activo. Villas Marineras desenvolve novas ferramentas para manter os elevados estándares de calidade e para dirixir de forma adecuada a presión turística cara aos servizos privados, a infraestrutura pública e os recursos naturais e culturais, de maneira que se poida asegurar a súa sustentabilidade a longo prazo.

O turismo de costa habitualmente asociado ao modelo de “Sol e Praia” queda pequeno para Villas Marineras. Os case de 1.000 quilómetros de litoral Cantábrico e Atlántico polos que se estenden os seus municipios posúen unha amplitude de recursos que van moito máis alá deste modelo. O patrimonio é outro dos eixos da súa oferta, grazas á riqueza arquitectónica, natural e cultural destas vilas. Cada unha delas conta cun conxunto histórico-monumental e con numerosos Bens de Interese Cultural, ademais das súas tradicións, festas e costumes.

Anuncios