Anuncios
Ticker de novas

Gondomar inicia o 1 de xuño o programa de compostaxe comunitaria

FOTO: IES AUGA DA LAXE // O composteiro comunitario na contorna do Pavillón Municipal.

O Concello de Gondomar participa no Plan de Compostaxe Comunitaria que a Deputación Provincial de Pontevedra puxo en marcha a primeiros deste mandato. Un plan cuxa finalidade é axudar a conseguir antes do 2020 reciclar o 50% dos RSU que producimos nos nosos fogares segundo as diversas Directivas Europeas.

“Se temos en conta que é precisamente a fracción de orgánicos a parte que menos se recicla, e pola contra é a máis interesante dende o punto de vista do aproveitamento e uso na contorna onde se produce, estamos diante dunha oportunidade única para comezar a reutilizar a materia orgánica que producimos nos nosos fogares, unha vez transformado en composta, un proceso sinxelo que só require da colaboración cidadá”, sinala Antonio Araújo, concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente.

Inicialmente na Vila de Gondomar hai instalados dous puntos de compostaxe: un na zona do Pavillón de Deportes, xusto na entrada ao IES “Auga da Laxe”, e outro no paseo que hai detrás do supermercado “Froiz”.

A este programa de compostaxe sumáronse os IES “Terra de Turonio” e “Auga da Laxe” e tamén o CEIP “Chano Piñeiro”, “aos que agradecemos profundamente polo que supón levar a consciencia medioambiental aos centros de ensino público onde residen o futuro do País e do Planeta”, engade Araújo.

A partires do vindeiro 1 de xuño, as persoas que queiran participar neste programa, xa poden comezar a levar os residuos orgánicos que producen nos seus fogares, así como os comercios ou bares da contorna, aos puntos de compostaxe antes citados, sempre seguindo as instrucións indicadas. Este proceso estará supervisado en todo momento por un mestre composteiro que será o encargado de controlar a humidade, a temperatura, regar ou facer os cambios nos composteiros.

O único que os veciños teñen que facer é deitar nos devanditos composteiros a súa materia orgánica. Unha vez conseguido o compost, repártese entre as persoas participantes para os seus xardíns, macetas, etc.

Para explicar mellor en qué consiste o proceso da compostaxe, o Mestre Composteiro dará una charla informativa este sábado día 20 de maio ás 20:30 horas no Centro Neural de Gondomar á que se convida a toda a veciñanza, especialmente a que vive na contorna dos puntos de compostaxe.

“Dende a Concellería de Medio Ambiente, agradecemos por adiantado a colaboración da veciñanza, no convencemento que entre todas e todos conseguiremos un Gondomar máis limpo e sustentable”, conclúe Araújo.

Anuncios